Comarcas

A @depo_es investirá 1,7 millóns na mellora de 2.577 km de sinalización horizontal nas estradas da provincia

deputacion-uxio-benitezA Deputación de Pontevedra investirá 1,7 millóns de euros para a mellora de 2.577 quilómetros de sinalización horizontal nas estradas da provincia. En total actuarase en 226 estradas, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede de vías de titularidade provincial.

A mellora, segundo dixo deputado Uxío Benítez, enmárcase na aposta da Deputación pola mobilidade sustentable, na que a seguranza viaria é un eixo clave. “Esta actuación pretende unha sinalización horizontal integral de toda a rede viaria provincial en lugar de actuar pouco a pouco con actuacións pequenas. Queremos asegurar a visibilidade nocturna e diurna e separar os espazos para os vehículos e os peóns para garantir unha convivencia de mobilidades en toda a rede viaria”, explicou.

Neste novo plan priorizaranse as estradas con necesidades máis urxentes, quedando fóra algunhas vías asfaltadas recentemente e outras nas que o departamento de Mobilidade prevé actuar de maneira inminente ou a corto prazo con reformas integrais de maior calado. Algúns exemplos son a estrada que vai á igrexa de San Vicente (O Grove) ou a estrada Concepción Arenal (A Guarda).

Estradas listas no verán

O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que en toda a provincia se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas. A actuación prevese comezar tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan e, en calquera caso, na primavera do próximo ano, para que as estradas estean en “estado de revista” ao chegar o verán.

Esta semana aprobarase a licitación do plan, que se divide en catro lotes territoriais que permitirá facilitar o acceso ao contrato a empresas de menor tamaño e tamén poder executar os pintados de forma paralela e, por tanto, máis áxil. Esta primeira fase de mellora da sinalización horizontal terá continuación nos vindeiros anos para dar cobertura á totalidade das estradas provinciais. Deste xeito investiranse máis de 516.000 euros no lote Pontevedra-Caldas-Salnés; outros 315.000 euros no lote Baixo Miño-Condado-Paradanta; case 380.000 euros no lote Vigo-Morrazo e 494.000 euros no de Deza-Tabeirós.

 

También te puede interesar