Cultura Destacados

Dez accións artísticas para reivindicar a igualdade de xénero

diptico para webO vindeiro 7 de novembro desembarca na Casa das Artes de Vigo a exposición ‘Mulleres en acción: violencia zero’, unha mostra organizada pola Deputación de Pontevedra que recolle os resultados dun proxecto de acción artística contemporánea levado a cabo o pasado 25 de novembro no espazo público.

As súas premisas foron reinvidicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista. Trátase dunha proposta multisede de sensibilización, con 10 proxectos levados a cabo en 10 espazos, que tivo como obxectivo fomentar na cidadanía unha actitude crítica: promover a visibilidade das artistas novas galegas, provocar o achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, da experiencia e da creación colectiva, e incentivar a integración de homes e mulleres na loita contra unha realidade que nos afecta a todos e a todas.

A exposición, comisariada por Paula Cabaleiro, recolle o sentir que a arte provocou o 25 de novembro de 2015, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, en dez concellos da provincia de Pontevedra: Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis.

As artistas participantes foron Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos e Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Pau-Lova.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 25 de novembro.

También te puede interesar