Comarcas

A @depo_es creou máis de 1.100 postos de emprego para realizar 400 obras na provincia

carmela-silva-plan-concellos

Preto de 400 obras na provincia cun investimento de máis de 30 millóns de euros e máis de 1.100 postos de traballo con outro investimento de 9 millóns de euros. Ese é o balance feito pola Deputación de Pontevedra sobre o Plan Concellos 2016, que atendeu a 60 concellos da provincia que “ten permitido que todas as vilas da provincia poidan facer fronte á prestación de servizos e á garantía de dereitos”, asegurou a presidenta, Carmela Silva.

Neste sentido, as 383 obras realizadas ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos repártense entre distintas categorías: estradas (136 proxectos cun investimento de 9,3 millóns de euros), servizos urbanísticos (68 proxectos con 5,5 millóns), equipamentos (50 proxectos por valor de 3,8 millóns), subministros (89 proxectos aos que se lles dedicaron 3,3 millóns), edificación (36 proxectos cun investimento de 2,4 millóns), medio ambiente (28 proxectos facendo un total de 1,9 millóns), parques e xardíns (35 proxectos cunha achega económica de 1,9 millóns), enerxía (26 proxectos con 980.866 euros) e documentación (4 proxectos que supuxeron unha achega total de 532.354 euros). En total, esta liña supuxo un investimento de algo máis de 30 millón de euros.

Ademais, a liña 4 dedicada ao emprego permitiu que máis de 1.100 persoas atopasen un posto de emprego nos servizos municipais de todos estes concellos grazas a un investimento de preto de 9 millóns de euros. En total creáronse 1.160 empregos en construción, obras públicas e albanelería; horticultura, parques e xardíns e medio ambiente; peóns, operarios e operarias e servizos varios; limpeza e recollida de lixo; persoal administrativo e técnico, ordenanzas e vixiantes de seguridade; persoas condutoras e operadoras de maquinaria ou persoal de axuda no fogar, entre moitas outras ocupacións.

También te puede interesar