Galicia

O sector da alimentación de Pontevedra non descarta chegar á folga

asamblea-alimentacion

O comercio de alimentación da provincia de Pontevedra non descarta chegar á folga despois de que tras 15 reunións coas patronais ASAP e FECOIN sigan sobre a mesa “as súas propostas agresivas para o convenio” do sector, “tentando laminar logros anteriores e impoñer recortes coa excusa da competitividade”. Así o aseguran as centrais sindicais, que rexeitan de forma unánime as propostas do convenio e que falan de folga “se tocan puntos innegociables”.

Os representantes laborais falan de “retrocesos en contido e en tempo”, xa que a proposta empresarial contempla 5 anos de duración, con aumentos salariais do 0,50% para 2016 e 2017 e do 1% anual até 2020. Ademais, pretenden conxelar a antigüidade a cambio de 20 euros mensuais durante os dous primeiros anos de vixencia, non consolidables. Mentres, as centrais demandan unha suba de 50 euros liñais ao mes con revisión salarial e para o caso dos pluses, un 4%.

No tocante a xornada, a actual de 40 horas semanais sería modificada pola de 1.826 horas anuais co ánimo de distribuílas baixo criterios de flexibilidade, fronte ás reivindicacións sindicais de 38 horas e media con 20 minutos de pausa e xornada continuada “naqueles centros onde sexa factible”.

Os descansos semanais, pola súa parte, perderían a mellora contemplada no actual convenio, podendo acumularse en períodos de até 14 días. Tamén se eliminaría o descanso diario de 12 horas entre fin e inicio da xornada seguinte. Os almacéns non pecharían no mediodía, pasando a abrir mañá e tarde. En contraste, para a representación das traballadores é fundamental o peche a partir das 15h en días como o 24 e 31 de decembro por cuestións de conciliación.

O complemento para acadar o 100% do salario desde o inicio da baixa desaparecería, cubríndose só o 75%.

Eliminación da promoción automática

Unha das propostas máis “regresivas” para as centrais sindicais é a eliminación da promoción automática, mediante a cal aos tres anos se ascende á categoría superior. A nova clasificación de persoal contempla a creación de catro grupos “moi amplos” para “forzar unha mobilidade funcional absoluta”, reducindo a especialización.

O actual convenio limita os contratos de obra e servizo “só a novos establecementos” e exclúe a posibilidade de celebralo “máis dunha vez co mesmo traballador” para evitar a “picaresca” anterior, cando a patronal trasladaba o persoal a diferentes filiais para impedir a acumulación de antigüidade. Agora pretenden ampliar esta modalidade a calquera suposto.

También te puede interesar