Cultura Destacados

O Museo do Mar abre ao público este sábado os novos acuarios e a exposición permanente de xoguetes

maritimo-pesqueiro

O Museo do Mar abrirá este sábado ao público xeral catro pequenos acuarios que se suman ao acuario central do museo e unha sala para a exposición permanente dedicada aos xoguetes. O espazo da mostra, denominado ‘Ludomar‘ está constituído por unha parte da colección da Fundación Raquel Chaves formada por máis de 20.000 pezas, algunhas delas con máis de 100 anos de antigüidade.

A nova exposición permanente, con pezas cedidas por Antonio Chaves, máximo responsable da fundación, e depositadas no museo hai dous anos, estrutúrase en varios bloques temáticos: desde a praia, o cine e a escola ata o xoguete rústico e industrial ou os barcos.

Por outro lado, a partir desta fin de semana tamén se poderán visitar os catro novos acuarios. Os dous primeiros, denominados “Zostera mariña” e “Zostera noltii” están dedicados aos cabaliños de mar e aos peixes pipa, procedentes do CSIC. O terceiro amosa un fondo de Maërl, composto maiormente por algas coraliformes. Neste espazo, os visitantes poderán observar camaróns, gobios nadadores, cangrexos e arañas de mar. Por último, o cuarto acuario inaugúrase con ovos de patarroxa e raia, aínda que se trata dun contedor aberto ao cambio, no que se introducirán as novidades do museo.

O museo recibiu este martes a visita dos conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Mar en funcións, Román Rodríguez e Rosa Quintana, que tamén visitaron o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo. Alí, a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou o valor deste instituto, recoñecido como Centro de Referencia Nacional na área profesional de Pesca e Navegación dende outubro de 2015.

También te puede interesar