Ciencia y Tecnología Galicia

Achan restos de dous bebés no xacemento arqueolóxico da Lanzada

castro-lanzada-bebe-01

Novos achados interesantes no xacemento arqueolóxico do Campo da Lanzada. O equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra atopou restos de dous nenos menores dun ano, datados entre aproximadamente os séculos I e II. Un achado que chega apenas unhas semanas despois de que se atopasen os esqueletos de ‘Cornelia’ e outros catro bebés moi preto desta.

Os esqueletos de ambos os dous bebés atopáronse bastante completos, malia que debido ao compoñente matriz da terra onde se atoparon, a arxila, os ósos sufriron un importante dano ao quedar moi esmagados. Aínda así, o equipo de arqueoloxía sinalou que, á vez, as características propias da arxila permitiron que o seu estado de conservación sexa bastante bo.

castro-lanzada-bebe-02Os corpos foron atopados un enriba do outro no medio dun vertedoiro, a diferenza de ‘Cornelia’ e os bebés atopados con anterioridade, cuxos corpos foron soterrados. Os materiais atopados neste vertedoiro, no que o equipo da Deputación de Pontevedra leva traballando máis de dous meses, datan do século I, pero son precisamente estes materiais os que dificultan o datado dos corpos.

Os dous bebés tiñan menos dun ano no momento de falecer, aínda que nun primeiro momento se pensaba que un deles podería ser de maior idade xa que posuía un grande cranio. Unha das hipóteses que baralla o equipo encargado da escavación é que poidan ser xemelgos, mais este dato non puido ser aínda confirmado a falta de elaborar estudos.

Máis de 15.000 pezas

Os traballos realizados no Campo da Lanzada ata o momento xa deixaron o achado de máis de 15.000 pezas en total. Aproximadamente 500 desas pezas son de cerámica romana de luxo, e tamén se atoparon oito moedas de bronce romano que se atopan nestes momentos en proceso de estudo e de limpeza.

As escavacións retomáronse a principios deste mes para cumprir o proxecto establecido no Protocolo co Ministerio de Fomento, completando o programa no castro de Noalla, á vez que xa encargou a redacción do proxecto de consolidación definitiva que, se Fomento non asume, levará a cabo cando terminen as escavacións.

 

También te puede interesar