Comarcas

O novo centro de saúde de Tui entra en funcionamento en dous días coas Urxencias

Imagen: Díaz&Díaz Arquitectos
Imaxe: Díaz&Díaz Arquitectos

O próximo venres 30 de setembro o novo centro de saúde de Tui vaise por en funcionamento co inicio da actividade do Punto de Atención Continuidade (PAC).

Dende o Sergas, co obxectivo “de garantir o correcto funcionamento das instalacións e minimizar as posibles incidencias inherentes a un traslado”, deseñouse un cronograma que establece un traslado dos servizos asistenciais de xeito gradual e progresivo en tres fases.

Nunha primeira fase trasládanse as Urxencias do Punto de Atención Continuada (PAC). Así, o venres a partires das 15.00 horas a atención as Urxencias extrahospitalarias da poboación de Tui e Tomiño xa serán prestadas na nova infraestrutura.

Posteriormente, nas vindeiras semanas, vaise trasladar a actividade ordinaria do centro: en primeiro lugar ás consultas de tarde, e por último, as consultas en horario de mañá.

Amplos espazos e completa dotación tecnolóxica

O novo Punto de Atención Continuada dispón dun espazo amplo e ben dimensionado para a atención das urxencias. Trátase dunha zoa diferenciada e específica con acceso directo desde o exterior e con entrada propia para as ambulancias.

Este dispositivo conta cunha área de Reanimación para pacientes críticos, dúas consultas médicas, unha de enfermaría e dúas salas de Observación para pacientes que necesitan tratamento. Dispón, ademais, cunha Sala de Raios X, na que se realizan todas as probas de radioloxía convencional.

O pasado ano, os profesionais atenderon a un total de 25.500 urxencias, das que o 15% foron pediátricas. Delas, o 92% resolvéronse neste ámbito, e tan so un 8% tiveron que ser derivadas ao hospital. A media de atencións diarias de luns a sábado é de 58 pacientes mentres que os domingos e festivos ascende a 130.

Catro millóns de investimento

A consellería de Sanidade realizou un investimento de 4,1 millóns de euros nesta infraestrutura, que conta cunha superficie construída de máis de 3.500 metros cadrados.

Nas súas dependencias emprázanse 22 consultas de medicina xeral de adultos e 4 de pediatría. Conta ademais cunha área destinada á matrona e educación maternal, unha área de odontoloxía, outra de fisioterapia e salas polivalentes. Na área de administración disponse dun arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

O seu cadro de persoal está composto por 44 profesionais: 11 médicos de familia, 3 pediatras, 1 odoentoestomatólogo, 1 farmacéutico, 15 profesionais da enfermería, 1 matrona, 3 fisioterapeutas, 1 técnico especialista, 1 asistente social, 1 auxiliar administrativo e 6 PSX (persoal de servizos xerais)

También te puede interesar