Cultura

O luns empeza, en 12 concellos da provincia, #Conectadas2016

conectadasO programa de Igualdade “Conectadas 2016” inicia esta semana, entre os días 26 de setembro e 2 de outubro, 17 novos obradoiros repartidos entre 12 concellos da provincia: Campo Lameiro, Cuntis, A Estrada (catro obradoiros), Lalín, Meis, Mos, Ponteareas (dous), Pontecesures, Sanxenxo, Tomiño (outros dous), Vilaboa e Vila de Cruces.

Estes obradoiros do programa elaborado polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra recollen temáticas moi diversas, que van dende as actividades físicas (zumba, ioga, ximnasia de mantemento), pasando pola artesanía e manualidades (traballos en tea, coiro, madeira e outros; costura creativa; iniciación á costura) ou a alimentación (conservación de alimentos, conservas artesanais; cociña e alimentación: hábitos saudables; tapas, petiscos e canapés), así como alfabetización dixital (fotografía e edición) e psicoloxía (risoterapia, mindfulness), entre outros.

“Conectadas 2016” ten como obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, mellorar a súa formación básica e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, así como o intercambio de experiencias. Faino mediante accións formativas e coa incorporación de maneira transversal dos principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación nos distintos eidos persoal, laboral e familiar. Ademais, tamén pretende contribuír á mellora da empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, reducindo a brecha dixital mediante o emprego da información e as novas tecnoloxías.

As actividades estanse a realizar ao longo de 60 concellos da provincia e son máis de 5.000 alumnas e alumnos os que se beneficiarán en total do programa. Cada un dos cursos ten unha duración de 35 horas e precisa un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta.

También te puede interesar