Comarcas Vigo al minuto

En Marea pide a Fomento unha investigación independente sobre o accidente de tren de O Porriño

descarrilado-tren-porrino-5

Cando se cumpren xustamente dúas semanas do accidente ferroviario no Porriño, a portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou unha batería de preguntas dirixidas ao Ministro de Fomento sobre algúns dos interrogantes que existen en torno a este último sinistro ferroviario que deixou catro mortos e 49 feridos.

O grupo parlamentario pide unha investigación independente sobre os motivos do descarrilamento do tren que cubría a liña Vigo-Porto “para detectar os posibles fallos ou deficiencias” de cara a adoptar medidas preventivas a fin de que “non volte a suceder” xa que lembra que é o segundo sinistro ferroviario en Galiza en apenas tres anos.

Fernández enfatiza que “como sucedeu co accidente do Alvia, ao pouco xa se apuntou a un exceso de velocidade como posíbel causa do descarrilamento nunha zona na que se estaban a facer obras de mantemento que obrigaban ao tren a desviarse por unha vía secundaria, coa velocidade limitada a 30 quilómetros por hora”. Por este motivo, poñen o aceno sobre as obras de mantemento que o ADIF estaba a realizar no enclavamento do Porriño, o sistema desde onde se controlan todas as sinais e aparatos de vía como os cambios de agullas. Aínda que desde Fomento asegurouse que as sinais funcionaron correctamente, Alexandra Fernández pregunta ao Ministerio se “considera que estas actuacións na vía estaban suficientemente sinalizadas, eran suficientes e claras as advertencias de cambio de  vía?”.

O sistema de seguridade: outro dos interrogantes

Outro dos puntos sobre os que chama a atención é o relativo ao sistema de seguridade implantado: o ASFA analógico. Salienta a deputada de En Marea as insuficiencias deste sistema e o feito de que non estivese implantado o ASFA dixital. “O ASFA analóxico non pode facer reconducir a velocidade do tren se non se adapta á velocidade máxima, algo que si pode facer o dixital. O analóxico non actúa sobre os excesos de velocidade, só detén o tren de xeito automático cando se supera o sinal de parada, supérase a velocidade máxima ou o maquinista non apreta o botón de recoñecemento dos sinais polas que pasa”.

Para a parlamentar de En Marea “unha das conclusións do sinistro de Angrois é que se tivese estado operativo o ERTMS, o accidente non se tería producido ou tería sido de dimensións menores. No caso de Porriño, tamén botamos en falla o ASFA dixital que podería ter evitado o accidente”. Subliña que os fallos humanos “existen, debemos contar con eles de partida, pero para palialos está o desenvolvemento tecnolóxico. Coidamos importante que se revise o relacionado co sistema de seguridade, e pedimos unha investigación obxectiva, independente e que esclareza as causas porque un sinistro así obedece a unha sucesión de factores como teñen dito os expertos na materia”.

También te puede interesar