En marcha San Froilán 2016 que xuntará en Lugo a preto de 600.000 persoas

san-froilan-2Lugo visualiza xa os días grandes de outubro, nos que celebra as Festas do San Froilán. O recinto feiral xa se engalana para celebrar estes festexos que terán lugar do 4 ao 12 de outubro, e para os cales o Concello deseñou un completo programa de actividades pensada en todos e para todos, que presentaron este venres.

Durante a presentación, a Alcaldesa, quen definiu o San Froilán como a grande festa patronal de Lugo, que por moitas razóns poden tamén aspirar a ser considerada como maior de Galicia polo ben que soubo manter a parte tradicional con non renunciar á modernidade, conciliando estas dúas vertentes”, destacou que se trata dun “completo programa confeccionado coa mellor das ilusións e dentro das posibilidades económicas do Concello”, de máis de 200 actividades para entreter a todos os públicos e para todos os sectores, medio cento delas totalmente novas.

Nesta liña, Lara Méndez subliñou a alta participación na organización destes festexos, dende a propia Comisión de Festas, coas aportacións dos distintos grupos políticos que forman a Corporación, así como polas achegas da cidadanía, a través de redes sociais, “que fan que o San Froilán sexa todo un referente”.

Neste San Froilán manteranse actividades de gran tradición, como os fogos artificiais, o desfile de gando, o concurso de polbeiros, Os Pelúdez, a feira de antigüidades ou a feira medieval, que se sumarán ás novidades. Neste ano, o 11 de outubro, será o Día do Camiño Primitivo, con actos como un paseo polo Camiño, a maxia ou a recepción das Alcaldesas e Alcaldes do Camiño. O Goberno quere institucionalizar o Día do Camiño dentro da programación do San Froilán pola proxección que supón para a cidade. Ademais, o día 6 de outubro, celebrarase o día de Manuel María, coincidindo co aniversario do seu nacemento, cun concerto da Quenlla, que interpretará os poemas do escritor.

Entre as novidades, este San Froilán inclúe tamén un concurso de fotografía e vídeo, con premios de 750, 600 e 450 €, unha exposición fotográfica en diferentes rúas da cidade, un espectáculo pirotécnico na praza Maior ou un gran concerto conxunto das 2 bandas de música máis relevantes de Galicia. Gastroarte tamén mudará nesta ocasión de situación, situándose na rúa Puro Cora, no propio feiral.

A Alcaldesa aproveitou a ocasión para convidar a vivir “a festa máis fermosa do outono galego” e a gozar coas distintas actuacións que ten preparadas o Concello, como as das charangas e grupos tradicionais por todos os barrios da cidade, sesións vermú coas bandas de rock de Lugo en distintas prazas e verbenas con orquestras de renome e con orquestras de denominación de orixe Lugo.

Entre as propostas da programación destas festas están os concertos dos Djs, os grupos de rock de Lugo ou os pasarrúas, así como as actuacións de Fuel Fandango, a orquestra de jazz de Galicia, Bebe, Roi Casal, Carlos Núñez ou unha exposición solidaria de Somos Unidos contra o Cancro.

Lara Méndez destacou a proxección social e turística e o alcance económico do San Froilán, que o pasado ano deixou na cidade 11,5 millóns de euros e ata un 97% de ocupación hoteleira, concentrándose en Lugo unhas 570.000 persoas, “o que demostra que seguimos sendo un referente”. Nesta liña, a rexedora lembrou que o pasado ano pasaron polo posto de información turística instalado polo Concello tanto na Praza Maior como na Praza do Campo máis de 10.000 persoas, da provincia, da comunidade, do territorio e ata doutros países, como Portugal, onde o Concello realizará este ano unha proxección importante.

O Concello destina uns 620.000 euros á organización destas festas, que constitúen un escaparate nacional e internacional de Lugo. Ademais, a entidade local reparte máis de 45.000 programas.

También te puede interesar