Vigo al minuto

Vigo volve á rúa para demandar “emprego digno” nunha comarca “industrial e con futuro”

manifaempregodignovigo01

Varios milleiros de persoas participaron este martes na manifestación convocada pola CIG de Vigo para reclamar “emprego digno” nunha bisbarra “industrial e con futuro” e rexeitar a precaridade laboral e o empobrecemento, ademais de esixir a anulación das reformas laborais, das pensións e da lei mordaza.

O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, apostou ao remate da protesta por continuar coas mobilizacións ata lograr un “cambio radical” nas políticas económicas, laborais e sociais que permita mellorar as condicións de vida da clase traballadora.

manifaempregodignovigo02

A manifestación, que percorreu a distancia entre a Doblada e a farola de Urzáiz, fai parte da campaña que a CIG-Vigo está a desenvolver en demanda de “emprego digno na nosa terra” e para reivindicar unha comarcal “industrial e con futuro” e que pivota sobre catro eixos fundamentais: “combater a propaganda oficial que fala de recuperación económica, sinalar os culpábeis da situación de crise, achegar alternativas e promover a mobilización social”.

Gonçalves lembrou que a pesar dos datos que avalarían a suposta recuperación “vemos como continúa a destrución de postos de traballo e o esmorecemento dos nosos sectores produtivos, ao tempo que aumenta a temporalidade e a precariedade no emprego”.

Finalmente, adiantou que a intención da central é que esta campaña sexa a inicio dunha serie de protestas que se sosterán no tempo co obxectivo de “derrubar as políticas da dereita mediante a mobilización social nas empresas e na rúa”.

También te puede interesar