'Qué te cuentas?'

Centos de traballadores de Seaga acampan diante da Xunta para denunciar a precariedade do persoal que apaga os incendios

2016-09-19-manifaacampadaseagasantiago09-grandeVarios centos de traballadores de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) participaron este luns na manifestación convocada pola CIG para denunciar a precariedade laboral que padecen os empregados da compañía pública e rexeitar a política de prevención e extinción de lumes forestais que aplica o Goberno galego.

A marcha arrincou da Praza Roxa poucos minutos despois do mediodía e rematou hora e media despois diante do edificio da Xunta en San Caetano.

2016-09-19-manifaacampadaseagasantiago03-grandeUnha faixa co lema “Outra política forestal é posíbel. Seaga solución” abría unha comitiva que durante o percorrido berrou lemas como “Máis prevención e menos extinción”, “Quen apaga o lume, nós e non a UME”, “Feijóo, cabrón, traballa de peón” ou “ A culpa de quen é, dos que votan o PP”.

Xa nas inmediacións do edificio central da Xunta, en San Caetano, tomaron a palabra o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, e o presidente do comité de empresa de Seaga en Pontevedra, Josafat Puente, quenes quixeron deixar claro que “non vai haber paz no Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) até que non se solucione a problemática laboral existente en Seaga”.

Ao mesmo tempo, os responsábeis sindicais aproveitaron para criticar a política forestal do Partido Popular, así como o dispositivo de extinción e loita contra os incendios. “O operativo da Xunta é un caos, xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da Administración autonómica, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros”.

Xunto a isto, denunciaron as precarias condicións laborais e económicas que padece o persoal, ao ter contratos fixos-discontinuos dunha duración de tan só tres meses, o que non lles permite acceder nin a subsidios familiares nin ás axudas de 400 euros.

2016-09-19-manifaacampadaseagasantiago05-grandePor todo isto, demandaron un cambio nas políticas para o medio rural e unha nova política forestal e que se unifique o servizo nun único dispositivo público “no que se garantan condicións laborais dignas para todos os traballadores”.

Unha vez rematadas as intervencións, os asistentes á mobilización celebraron un xantar popular, tras o que iniciaron a instalación do campamento no que permanecerán 24 horas diarias até o vindeiro venres día 23 de setembro.

También te puede interesar