Galicia

Atopan un esqueleto, probablemente dunha muller nova, no asentamento arqueolóxico da Lanzada

lanzada-excavacion

Os arqueólogos atopan no Campo da Lanzada o primeiro esqueleto deste xacemento arqueolóxico que aparece dende 1960 ou 1970. Trátase do esqueleto probablemente dunha muller nova que foi levantado este luns e que se atopa en excelente estado de conservación.

É o primeiro esqueleto atopado nas intervencións que a Deputación de Pontevedra está a realizar na provincia no marco do protocolo asinado co Ministerio de Fomento.

A falta do estudo que se realizará en Santiago e cuxos resultados se coñecerán nun prazo de entre un e dous meses, “parecer ser dunha muller nova que realizaba unha actividade física intensa”, segundo asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Ademais, grazas a este estudo que se realizará de ‘Cornelia’, como a chamou o equipo de arqueoloxía ó coincidir o achado con esa onomástica, Silva destacou que “poderemos coñecer como se alimentaban os nosos antepasados, que tipo de parasitos ou enfermidades padecían, presenza de metais, etc.”.

Por outro lado, a aparición de Cornelia supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana ata a área de ocupación, ao carón das vivendas. Ata o momento os investigadores atoparon na Lanzada máis de 3.000 pezas e estruturas descoñecidas que están a achegar moita información.

A intervención arqueolóxica do Campo da Lanzada, que comezou o pasado 20 de xullo e continuará ata novembro, pretende triplicar a zona visitable da escavación, poñendo en valor a área romana do recinto co fin de aclarar cronoloxías. Para elo, a Deputación de Pontevedra está a investir máis de 262.000 euros para a posta en valor deste xacemento galaico-romano no que xa se atoparon máis de 3.000 pezas da época romana e se están sacando e consolidando estruturas romanas e castrexas.

También te puede interesar