Cultura

Os traballos do alumnado da Escola de Cantería chegan ao estranxeiro

escola canteria

 

A Escola de Cantería mantén aberto ata o día 20 de setembro o prazo para a matrícula do vindeiro curso 2016-2017, que comezará as clases en outubro. O importe da matrícula é de 114,50 euros e para formalizar a matrícula só hai que presentar o impreso oficial, acompañado dunha serie de documentación, na Secretaría da Escola ou no Rexistro Xeral da Deputación de Pontevedra.

Para acceder aos estudos na Escola de Cantería só é necesario posuír o título de graduado escolar ou equivalente. Hai varias modalidades de estudos: a formación oficial de canteiro ou canteira con clases polas mañás de luns a venres, cunha duración de tres anos, que se pode ampliar dous anos máis para obter o título de mestre ou mestra canteiro, e a formación específica para canteiros e canteiras reciclados, artesáns ou persoas con interese na escultura e cantería, con clases nocturnas de luns a xoves, con dous anos de duración.

A Escola de Cantería, un centro educativo único en Galicia, permite estudar a arte de traballar a pedra, continuando así o saber dunha profesión tan arraigada en Galicia como a dos canteiros e canteiras. En todos os estudos se imparten materias coma historia da arte, debuxo artístico, debuxo técnico, modelado, escultura ou construción. Pero ademais dos coñecementos teóricos tamén ten unha importancia crucial a formación práctica, na que os alumnos e alumnas aprenden a realizar calquera tipo de traballo en case calquera material, tanto de barro como escaiola, bronce ou granito.

Nos seus 37 anos de historia, a Escola de Cantería, dependente da Deputación de Pontevedra, ten realizado traballos en pedra que se poden apreciar en distintos lugares de toda Galicia, no resto de España e mesmo no estranxeiro. Por exemplo, no Centro Español de San Salvador de Bahía, en Brasil, pode verse un hórreo feito por alumnos e alumnas da Escola, así como unha escultura de Cervantes en Panamá para a Asociación Galega de Empresarios Panameños ou unha escultura de Santiago Apóstolo na Cámara Municipal de Peñafiel en Portugal.

As creacións do alumnado da Escola de Cantería van dende bustos, monólitos, conxuntos escultóricos, construcións arquitectónicas, esculturas, réplicas ou hórreos. Entre as obras máis recentes podemos destacar algunhas deste curso, como a escultura de María Soliña para o concello de Cangas, o busto de Rosalía de Castro para a Asociación de Veciños de Montefaro en Domaio (Moaña) , o monumento de homenaxe á lingua en Mondariz ou as cunchas de vieira para a Asociación Cultural da Vieira de Madrid.

También te puede interesar