Galicia

Comeza a deseñarse un plan galego de prevención do suicidio, que causa a morte dunha persoa ao día en Galicia

suicidio

A Consellería de Sanidade ven de poñer en marcha un grupo de traballo para elaborar un plan de prevención do suicidio, escoitando así unha das demandas do Movemento Galego de Saúde Mental, un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental en Galicia e a defensa da súa atención pública “ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas”.

Este grupo de traballo estará formado por xefes de servizo de Psiquiatría do Sergas e de Atención Primaria, o xerente da Federación de Asociacións de Familiares e Personas con Enfermedade Mental de Galicia (Feafes), a directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), o director do 061 e dous facultativos das EOXI de Ourense e Santiago.

MGSMDende o 3 de maio, integrantes do Movemento Galego de Saúde Mental reuníanse cada tarde na praza de Praterías, en Santiago de Compostela, para dar unha badalada diaria en representación da persoa que cada día morre en Galicia por suicidio. En 2015 o suicidio foi o causante de 321 mortes, por riba da tasa de mortos por accidentes de tráfico.

Aínda que “as causas son múltiples”, este colectivo apunta a que a crise económica incrementou o número de mortes por suicidio, cifra que acadou en 2013 o seu punto álxido e que afecta cada vez máis a persoas máis novas deixando dous perfís de afectados: un grupo en idade produtiva avanzada, de entre 45 e 64 anos, e un grupo de entre 10 e 24 anos no que se produciu un “aumento significativo moi preocupante”.

Sen embargo, nos últimos anos a cifra comeza a descender, pasando das 390 mortes por suicidio en 2014 ás 321 en 2015. Por provincias, case a metade dos sucidios prodúcense na Coruña.

O Movemento Galego de Saúde Mental está integrado por máis de 300 profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais, organizacións de familiares e usuarios e colexios profesionais.

También te puede interesar