Ciencia y Tecnología Galicia

Máis de 14.000 galegos foron expedientados por resposabilidade civil ou política durante o franquismo

expedientes01

Subscricións patrióticas non tan voluntarias, multas, incautacións regulares e irregulares de toda clase de bens á marxe das requisas por necesidades de guerra e expedientes de responsabilidade civil ou política. Primeiro para o financiamento do conflito bélico e despois, na posguerra, como forma de castigo e disuasión regulada, o franquismo desenvolveu tamén unha represión de natureza económica que tivo as súas propias vítimas e verdugos.

No seu último libro, titulado ‘Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo’, o historiador Julio Prada analiza ao detalle esta cuestión. Aínda que recalcando a provisionalidade dos datos ante a dificultade ou imposibilidade de acceder a toda a documentación precisa, o profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense apunta que ata o ano 1945 o réxime abriu expediente civil ou político a máis de 14.000 persoas sospeitosas de ser esquerdistas ou de non ter un comportamento “acorde coas novas circunstancias”.

16 millóns en subscricións patrióticas

“A represión que segue ao fracaso do golpe de estado responde nos seus inicios a unha dobre lóxica: inhibir calquera demostración de rebeldía e crear fidelidades compulsivas para asegurar a vitoria”, comenta o autor no seu libro, que é froito de varias décadas de estudo no eido do primeiro franquismo.

julio pradaDeixando fóra deste estudo as requisas reguladas por necesidades bélicas, que eran logo devoltas aos propietarios ou máis ou menos indemnizadas, e temas como a inhabilitación profesional, o historiador afonda nas características de cada un dos instrumentos empregados durante e despois da guerra civil como fórmulas de represión económica: subscricións patrióticas, multas, incautacións e responsabilidades civís e políticas. Sobre as subscricións patrióticas para o sostemento da conflito e da retagarda, Julio Prada subliña como aínda que en teoría eran voluntarias “na práctica eran obrigatorias porque en caso contrario a persoa arriscábase a ser multada”.

Rematado o conflito bélico, apunta, estas subscricións transformáronse noutras modalidades de recadación de doazóns, especialmente nos duros anos da posguerra. Acudindo a datos recollidos por Manuel Silva Ferreiro, o docente salienta as achegas neste concepto ata mediados de abril de 1937 ascenderon en Galicia a máis de 16 millóns de pesetas e a case 700 quilos de ouro.

Máis de 5.500 multas gobernativas

Outra das fórmulas recadatorias e disuasorias analizadas son as multas gobernativas, impostas por un goberno civil ou militar. Constituían, afirma o docente, “todo un complexo destinado a recadar fondos para a guerra”, que se aplicou de forma moi desigual e que nalgúns casos chegaron a ascender ao millón de pesetas. Nos primeiros meses da Guerra Civil española, indica, foi cando se impuxeron as multas máis elevadas, sendo a partir de 1939 substituídas polas sancións de responsabilidade civil e política. Segundo recolle no seu libro as multas impostas polas autoridades militares e gobernativas entre 1936 e 1939 ascenderon en Galicia a 5537, equivalentes a case 3,5 millóns de pesetas e unha media de 619 pesetas de sanción media por multa.

Xunto a estas multas e as anteriores subscricións, nos primeiros meses de conflito tamén se exerceu a represión con incautacións “regulares” e “irregulares” de toda clase bens. O libro toma de feito o seu título dunha destas incautacións, lembrada por Camilo Dios, que asistiu sendo neno ao momento no que os falanxistas entraron na súa casa e “marcharon con todo e nos deixaron sen nada”. A partir do outono de 1936 vanse reconducindo lentamente estas accións e seguen facéndose pero baixo control militar coa fórmula de requisas bélicas, explica Julio Prada, que lembra como houbo falanxistas que foron xulgados, e condenados incluso a pena de morte, por realizar incautacións “irregulares”.

Represión económica con aparencia de legalidade

A “maquinaria burocrática” da represión económica do franquismo, explica o docente, empeza a funcionar de feito en xaneiro de 1937 coa aplicación do principio de dereito de responsabilidade civil, segundo o cal quen causa un dano está obrigado a reparalo, sendo neste caso os “esquerdistas”, os da Fronte Popular, os considerados responsables da Guerra Civil. Deste xeito, resume Julio Prada, dáselle aparencia de respecto pola legalidade a todo o entramado. En febreiro de 1939 arrancan por último as sancións por responsabilidade política, co mesmo principio que as civís pero acentuando a dimensión política fronte á cuestión económica e acudindo en vez de ao dereito civil e administrativo a unha xurisdición especial.

Na publicación editada por Biblioteca Nueva, Julio Prada sinala que as persoas expedientadas por responsabilidades civís e políticas en Galicia foron ata 1945 14.492: 5.132 na provincia da Coruña, 2.218 na de Lugo, 2.358 na de Ourense e 4.784 na de Pontevedra. Esta cifra, recalca o investigador, debe entenderse como aproximada ao que debeu ser o volume real debido ás limitacións da documentación que se conserva e que é accesible.

Destes expedientes abertos coñécese o resultado de 7.465, dos que 2.147 foron condenas; 1.748 sobresementos, absolución ou exención de responsabilidade; 3.145 sobresementos por insolvencia ou bens inferiores a 25.000 pesetas; 324 sobresementos por condenas inferiores a 12 anos e escasa perigosidade e 101 autos de non incoación por non tipicidade de condutas ou por denuncia ou incoación posterior á data prevista en normativa.

Por contía, o grupo máis numeroso é o das sancións económicas de 100 a 250 pesetas (o 26,97%), seguido polo de entre 2.001 e 5.000 pesetas. Tres das sancións foron a perda total de bens e 80 contías de máis de 10.000 pesetas. A sanción máis alta, apunta o historiador, foi para o pontevedrés Portela Valladares, presidente do goberno durante a II República, que ascendeu a 15 millóns de pesetas e que non se chegou a pagar por imposibilidade de facerlle fronte. En moitos dos casos, a contía económica esixida era proporcional aos bens do afectado.

También te puede interesar