Vigo al minuto

Alexandra Fernández (En Marea): “Hoxe hai que vir a votar con memoria, acordándonos de todas as políticas que levamos sufrindo estes catro anos”

alexandra fernández

“Estamos ante un momento histórico, decisivo, ante unha segunda oportunidade”. Así definía as eleccións xerais deste 26 de xuño a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra de En Marea, Alexandra Fernández, quen fixo un chamamento á cidadanía a “votar con memoria, acordándonos de todas as políticas que levamos sufrindo estes catro anos, as políticas de recortes, de privatizacións, de empeoramento do emprego… Fagamos un voto pensando que o futuro ten outras caras, ten alternativas, pensando que o cambio é posible”.

Tras exercer o seu dereito a voto na parroquia da Consolación, en Coia, a candidata asegurou que se trata dun momento decisivo “porque por primeira vez temos a oportunidade de acabar con esas políticas do Partido Popular”. “Xa conseguimos dar un golpe de cambio nas anteriores eleccións, pero agora temos que acabar ese traballo que comezamos o 20 de decembro”, salientou esta arquitecta viguesa de 27 anos.

Para a candidata de En Marea “hoxe a dicotomía é PP ou cambio”, polo que instou ao Partido Socialista a decidirse e a mirar “cara a esquerda e a escoitar esa voz de cambio, que escoite á súa propia militancia que está pedindo que non sigan pola liña da troika, que non sigan cara a gran coalición”.

Fernández animou a todos os españois a acudir ás urnas “e falar” porque “sen participación non hai democracia e non hai cambio político”. A candidata de En Marea percorrerá as diferentes mesas electorais da cidade.

También te puede interesar