Ciencia y Tecnología

Reconstrúen tres mil anos de cambios ambientais no arquipélago de Cíes

Fai 4.500 anos, mentres no antigo Exipto se construían as grandes pirámides da Meseta de Gizeh, o nivel do mar na ría de Vigo era sensiblemente inferior ao actual e nas illas Cíes, prezado tesouro da costa galega, aínda non existía o que hoxe se coñece como Lagoa dos Nenos, un dos ecosistemas máis valorados do arquipélago.

Esta é unha das principais conclusións dun estudo multidisciplinar posto en marcha polo grupo Análise de Concas Sedimentarias da Universidade de Vigo (grupo Basan), coa colaboración de científicos e historiadores doutros grupos, da universidade viguesa, de Santiago de Compostela, León e da canadense Victoria. “Os resultados permitíronnos comprender que durante os últimos 3.000 anos a avaliación da conca emerxida situada entre as illas de Faro e Monteagudo foi bastante máis complexa do que críamos ata agora”, explica un dos autores, Castor Muñoz Sobrino, integrante do grupo Basan.

O estudo demostra que, a diferenza do que se pensaba ata agora, a Lagoa dos Nenos é un sistema de orixe relativamente recente, efémero e ameazado de forma case permanente pola combinación dos cambios climáticos, as variacións do nivel do mar e a acción humana. “No seu lugar había unha lagoa costeira de auga doce, con abundante vexetación acuática flotante e unha orla de canaveiras, amieiros, abeleiras e salgueiros”, explica o investigador, que fai tamén fincapé en que unha franxa de dunas costeiras separaba a lagoa da praia e do mar.

estudio illas cies02Subida progresiva do nivel do mar

Fai xa case unha década diferentes estudos multidisciplinares axudaron a comprender a dinámica dos principais ecosistemas das illas durante un período comprendido entre 7.000 e 3.700 anos, e tamén os orixes da actual lagoa. “Desde fai menos de 3.700 anos a subida progresiva do nivel do mar foi cambiando o tipo de materiais que se foron depositando na conca situada entre as dúas illas e, ao ir ascendendo o nivel da praia, o sistema de dunas tamén se foi retirando cara ao interior”, recalca Muñoz Sobrino, ao tempo que explica que os antigos sedimentos da lagoa quedaron cubertos nalgún momento por areas grosas e fragmentos de cunchas que, co paso dos séculos, foron removidos polo vento, a marea e os temporais.

O grupo vigués puxo en marcha un estudo multidisciplinar, cuxos resultados permitiron confirmar que durante séculos, e antes de que se acabase de formar a actual lagoa, en ese espazo coexistiron ecosistemas de dunas, marismas costeiras e zonas húmidas de augas salobres e doces. Durante as fases máis frías, co nivel do mar máis baixo e con menor intensidade de tormentas, os sistemas de dunas expandíronse ata desconectar as lagoas costeiras do mar. “En concreto, agora podemos precisar que houbo ecosistemas costeiros de auga doce activos, polo menos, ata a época en que Colón viaxou a América, a finais de século XV”, subliña Muñoz Sobrino.

También te puede interesar