Cultura Vigo al minuto

Máis de 1.800 escolares desafían a choiva en Vigo polo Correlingua

Máis de 1.800 alumnos e alumnas de 21 centros educativos de Vigo e a súa comarca desafiaron esta mañá a choiva para percorrer as rúas da cidade nunha nova etapa do Correlingua 2016, que por mor do mal tempo tivo que celebrar a súa festa final no pavillón das Travesas en lugar de en Castrelos, como é habitual. O mago Marco, Talía Teatro e Zënzar foron os encargados de pechar a carreira reivindicativa da lingua galega que o luns visitará Monforte de Lemos.

Trátase da decimosexta edición do Correlingua, unha carreira popular polo idioma que nesta ocasión percorrerá unha ducia de localidades galegas ata o vindeiro 16 de maio. Baixo o lema ‘O galego está en nós’, a marcha saíu do Concello e rematou no pavillón de deportes municipal de As Travesas, onde xa agardaban os alumnos e alumnas dos centros de educación infantil para celebrar a festa final.

Ao remate do acto os centros recibiron varios agasallos da organización por ter participado; entregáronse os premios aos gañadores dos concursos, que nesta ocasión foron o IES Josefa Alonso de Matamá e o IES Canicouva de Castrelos, e leuse o manifesto desta edición.

También te puede interesar