Cultura Destacados

Hai moitos puntos de vista sobre como ‘Seguir con vida’

seguir con vida

Como sobrevive a poboación civil á guerra, como son as poboacións que sofren violencia extrema e quedan atrapadas ou vense avocadas a fuxir, a un éxodo obrigatorio. Todo iso queda reflectido nas fotografías de Anna Surinyach, fotoxornalista de Médicos Sen Fronteiras, que chega a Vigo coa exposición ‘Seguir con vida. Unha experiencia de inmersión visual‘, na que se amosa como é a vida das persoas que fuxiron do conflito de Siria e das que quedaron atrapadas pola violencia en Sudán do Sur.

Dende hoxe e ata o 8 de maio, o público poderá ver as imaxes desta fotógrafa nunha carpa instalada na Porta do Sol coa rúa Príncipe. Esta mostra enmárcase dentro da campaña do mesmo nome de Médicos Sen Fronteiras e que inclúe diversas actividades orientadas a visibilizar a problemática das poboacións asolagadas por unha violencia que os obriga a fuxir.

IMG-20160503-WA0000Programa

Entre as actividades, o xoves 5 de maio, o xornalista Xabier Fortes e o presidente de Médicos Sen Fronteiras, José Antonio Bastos, falarán no Auditorio Sede Afundación (20.00 h) sobre os retos desta organización nalgunhas das crises máis crúas. O sábado 7 chegará o contacontos ‘Chámanme refuxiada’ á Porta do Sol (13 h), onde varias voluntarias narrarán tres historias dirixidas a nenos que os acheguen á realidade dos campos de refuxiados.

O 9 de maio, entrevista en aberto na Fundación Barrié (20 h) a Gabriel Sánchez sobre as crises de República Centroafricana e República Democrática do Congo. O 10 de maio, lectura dramatizada de ‘Persoas fuxindo e atrapadas pola violencia’ no Auditorio do Teatro de Afundación (20 h) e o 11 de maio de novo o contacontos ‘Chámanme refuxiada’ na Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas (18 h).

O 11 de maio haberá tamén unha mesa redonda sobre ‘Crise de refuxiados: vellas e novas ferramentas do xornalismo’, na que se analizará a cobertura mediática das crises de desprazamento actuais, moitas delas esquecidas polos medios. Será na Fundación Barrié a partir das 20 horas. O fin de festa será o 14 de maio, cun concerto solidario na Sala Radar (21.30 h).

También te puede interesar