Vigo al minuto

Doce novas empresas que xurden das entrañas da universidade

incuvi

Cinco anos buscando as mellores iniciativas emprendedoras universitarias para convertelas en realidades empresariais. Os premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo celebraron este xoves unha nova edición dando a oportunidade de futuro a unha ducia de novas ideas que xa pasan a formar parte das 150 propostas presentadas nos seus cinco anos de historia e que poden converterse nunha das 47 que se transformaron en startups de alto valor innovador.

Para esta edición seleccionáronse 18 finalistas, dos que foron elixidos seis proxectos gañadores do campus de Vigo, catro de Ourense e dous de Pontevedra.

Gañadores

Entre os gañadores da edición de 2016 está Mykeeper, un proxecto que mediante unha pulseira de xeolocalización e un elemento detector de actividade desenvolve un sistema de vixilancia para enfermos de Alzheimer e doutras patoloxías similares, ou Macromicologic, un proxecto empresarial de servizos relacionados coa micoloxía tales como a avaliación da produción, catalogación de especies, valoración económica do produto, implantación de novas especies, creación de roteiros micoturísticos…

Xunto a Mykeeper e Macromicologic, recolleron tamén as súas chaves os responsables das outro catro ideas empresariais con destino vigués: Loop Tronic, centrada no mundo da coñecida como Internet das Cousas; Beleader, unha solución web orientada ao turismo de baixo custe; Blue Lion, relacionada do mundo da moda e do lecer, e Awesome Soft, enfocada ao desenvolvemento e venda en liña de software de entretemento.

Polo campus de Ourense recolleron os seus premios a cooperativa de iniciativa social Brigantia, un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega. Tamén en Ourense se situará unha empresa de compra-venta de produtos galegos “aínda sen bautizar”, subliñou Sergio Martínez, que explicou que levan xa varios meses traballando nun proxecto comercial enfocada a distribución e comercialización de produtos agrarios de calidade.

Son dous dos exemplos que, dende xa, se incorporan a uns niños empresariais dos que tamén van formar parte Barbook, unha aplicación social enfocada ao sector servizos, e Enviroverde, dirixida á creación de alternativas reais ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos.

En Pontevedra se instalarán os impulsores de FreeBee e Lag, o primeiro nacido para axudar a solucionar a problemática coa vespa velutina e o segundo unha tenda taller de serigrafía, na que ao alumno-cliente se lle permita a creación e personalización das súas adquisicións.

Incuvi-Avanza consolida Meigalabs e Robotilab

Para dar un paso máis alá na consolidación destas propostas nace a convocatoria Incuvi-Avanza que, nesta primeira edición, seleccionou dúas startups que resultaron gañadoras na edición 2015: Meigalabs, do campus de Ourense, e Robotilab, de Vigo, que seguirán desenvolvéndose no CITI de Ourense ou no Parque Empresarial de Porto do Molle. A primeira delas conta xa con máis de 500.000 descargas en todo o mundo do seu videoxogo Corrupt Mayor Clicker. A súa aposta empresarial céntrase no desenvolvemento especializado en servizos de gamificación, apps e videoxogos para plataformas móbiles. A segunda céntrase na robótica educativa e a tecnoloxía entendidos como o medio para que os máis cativos aprendan a resolver problemas de todo tipo.

También te puede interesar