Vigo al minuto

@depo_es aproba as bases para as subvencións a entidades sociais que chega ata os 700.000€

Servizos SociaisA Deputación de Pontevedra ven de aprobar as bases para as subvencións a entidades sen ánimo de lucro para actuacións no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude. As mesmas implican un incremento de 220.000 € en a partida destinada a subvencionar a entidades sen ánimo de lucro de ámbito social, sociosanitario e da xuventude.

O goberno do organismo provincial destinará unha partida de 700.000 € para subvencionar estas entidades, fronte ós 480.000 € que destinaba o anterior; os 6.000 € que como máximo outorgaba o anterior goberno a cada proxecto social, pasan a ser 10.000 €, 4.000 € máis que no 2015. Amais, o novo goberno da Deputación de Pontevedra inclúe nesta convocatoria de subvencións, entidades de ámbito sociosanitario e da xuventude, excluídas polo anterior goberno.

A través destas subvencións, “a Deputación, no marco das súas competencias, préstalles o seu apoio ás entidades sen fins de lucro no ámbito dos servizos sociais especializados, sociosanitarios e da xuventude que teñen por obxecto a realización de proxectos na provincia orientados á intervención, asistencia, integración social e laboral, prevención e promoción do benestar daqueles colectivos que, atendendo ás súas especiais circunstancias, precisan dunha maior especificación técnica e interdisciplinar na súa intervención”. Os proxectos obxecto da subvención deberán executarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016 na provincia de Pontevedra.

En concreto, serán obxecto de subvención actuacións nos ámbitos da familia e infancia; xuventude; persoas maiores; persoas con diversidade funcional; drogodependentes ou persoas con outros trastornos aditivos; minorías étnicas; persoas en risco ou situación de exclusión ou dificultade de inserción social, laboral, etc.. Pero tamén se incluirán nestas subvencións programas de prevención, información, divulgación ou formación dirixidos a colectivos de persoas con enfermidades, ós seus familiares e á poboación en xeral e programas de apoio dirixidos a colectivos de persoas con enfermidades e ós seus familiares para tratar as enfermidades e as súas consecuencias.

A adxudicación das subvencións farase en concorrencia competitiva tendo en conta os principios de igualdade, transparencia, non discriminación e obxectividade. Como regra xeral o importe máximo da subvención por cada proxecto non poderá exceder o 70% do seu orzamento, ata un máximo de 10.000 €. Para elo, valorarase ata con 50 puntos o proxecto e o orzamento específico, con 15 puntos a implantación territorial do mesmo, con 15 puntos as actividades e colaboracións coa administración e ata con 20 puntos os proxectos que impulsen a inclusión social de colectivos en situación de desigualdade social.

O prazo para a presentación de solicitudes empezará a partir do día seguinte ó da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará no prazo dun mes.

También te puede interesar