Comarcas

A Deputación e 9 concellos da provincia acordan impulsar a Rede de Sendeiros Azuis

SENDEIROS FOTO 1A Deputación de Pontevedra e os nove concellos da provincia adheridos a Rede de Sendeiros Azuis- Cangas, Bueu, A Illa de Arousa, A Guarda, Vigo, Nigrán, Baiona, Sanxenxo e Pontecaldelas- acordaron poñer en marcha un proxecto común para revitalizar a rede e converter estes itinerarios, que enlazan praias e portos con bandeira azul, nun importante elemento de cooperación e atracción turística. A institución provincial, que dispoñerá dunha partida inicial de 60.000 € para as primeiras actuacións, asinará antes do 31 de decembro un convenio marco coparticipado con cada un dos 9 municipios a fin de desenvolver primeiras actuacións concretas de sinalización, mobiliario, mantemento e promoción.

Na reunión deste mércores, á que acudiron alcaldes e representantes de todos os concellos adheridos á Rede, tamén se avanzou que o proxecto terá un percorrido a medio e longo prazo xa que en 2016, coa unión de todos os municipios, a Deputación concorrerá a fondos europeos para desenvolver este plan de traballo de forma máis ambiciosa. Un deles é o LIFE, un programa europeo cunha liña de financiamento para mellora ambiental e recuperación da biodiversidade.

Carmela Silva sinalou que “as sinerxias e o traballo conxunto cos concellos naquilo que nos identifica faranos moito máis fortes e este proxecto o é. Trátase de cambiar o modelo, tamén nisto, para que no canto de que cada municipio aposte só polo que ten, fagamos unha aposta común”. Silva engadiu que poñer en valor esta rede ten o obxectivo transversal de convertela noutro factor de importancia “para que todos os cidadáns que nos visiten saiban que aquí temos valores ambientais moi relevantes e que se atopan en diferentes concellos da provincia”

Os sendeiros azuis son itinerarios e elementos paisaxísticos que unen praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sustentable do litoral.

También te puede interesar