'Qué te cuentas?'

O Goberno galego asina, a seis días das Elecións, un acordo para evitar o corte de luz ás familias máis vulnerables

SinaturaA apenas 6 días para as Eleccións Xerais e logo da emisión do programa de ‘Salvados’ que deixou en evidencia ao ministro de Industria, José Manuel Soria-que chegou a afirmar que o BOE o escriben as compañías eléctricas o Goberno de Galicia asinou coas compañías eléctricas un convenio que ten por obxectivo evitar o corte da luz por impago ás familias con menos recursos.

No acto, que contou coa presenza do presidente Feijóo, participaron os representantes das empresas comercializadoras asinantes –Gas Natural Fenosa, EDP, Viesgo, Iberdrola, Endesa e CIDE, en representación das pequenas comercializadoras-, así como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

“O Goberno galego ten posto en marcha un Plan Social contra a Desigualdade Económica no que as familias máis vulnerables son a nosa prioridade e o foco dos nosos esforzos”, salientou Conde. Neste marco, explicou, estase a traballar no eido da pobreza enerxética cun programa pioneiro en España que aspira a que “ningún fogar galego quede sen electricidade por falta de recursos económicos para o pago da factura”.

A este obxectivo responde o convenio asinado hoxe. Un acordo que beneficia a aqueles titulares dun subministro eléctrico con ingresos anuais que non superen o IPREM. Nestes casos, a Administración galega farase cargo do pago de dúas mensualidades cun tope máximo de 200€. A axuda poderá solicitarse a partir do mes de xaneiro de 2016 de cara a cubrir os meses de novembro e decembro deste ano.

Neste sentido, cando algunha das familias vulnerables estea en risco de sufrir un corte de subministración eléctrica como consecuencia dun impago ou un atraso na factura, activarase un protocolo de urxencia que comeza cunha notificación da comercializadora ao cliente na que lle informa da posibilidade de acceder a esta axuda se os seus ingresos anuais son inferiores ao IPREM.

Así, no momento en que o interesado presente, por vía telemática, a solicitude ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria, esta indicará á compañía que paralice o corte do subministro durante o prazo dun mes, tempo necesario para proceder á resolución da axuda. No caso de concederse a mesma, procederase ao pago á compañía eléctrica. Cómpre salientar que, se o beneficiario non solicitase a axuda producíndose o corte do subministro, este se reanudaría no momento en que se requirise o apoio.

También te puede interesar