Vigo al minuto

O Concello paga a provedores en 19 días, “o prazo máis curto das entidades locais de Galicia”

FacturasO Concello abonou as súas facturas no terceiro trimestre do ano nun prazo medio de 19 días, segundo se desprende do informe trimestral de Tesourería que pasou este luns polo Pleno da Corporación. Esto supón, indicou o concelleiro de Facenda, que no que se refire ao pago de provedores, Vigo rexistra o mellor dato das entidades locais de Galicia. 

Jaime Aneiros asegurou que ningunha das 2.303 operacións efectuadas polo Concello neste período foi pagada fóra de prazo e con xuros de demora.

Os grupos da oposición municipal, tanto a Marea de Vigo como o Partido Popular, aseguraron durante as súas intervencións que os datos son “sensiblemente bos”, en verbas do voceiro da primeira formación, Rubén Pérez, corroborado pola representante da segunda, Elena Muñoz, quen afirmou que “ninguén o dubida, os prazos de pago son bos”.

Polo que se refire a execución do orzamento municipal deste ano, o concelleiro responsable de Facenda asegurou que tanto no apartado de ingresos como de gastos, a execución é do 60% sobre o total.

Marea de Vigo manifestou dúbidas sobre a posibilidade de chegar ao 100% de execución no último trimestre e solicitou celeridade en programas como o Plan de Emprego municipal e as Axudas no fogar. O PP, pola súa banda, reclamou dilixencia en todas as partidas e singularizou as do Emprego Xuvenil e o estadio de Balaídos.

También te puede interesar