Galicia

O Goberno de Galicia amplía as axudas a vítimas de violencia machista: poden cobrar ata 800 € ao mes durante un ano

violencia-género-016-diseño-dosA Secretaría Xeral da Igualdade vén de aprobar unha ampliación de capital de máis de 300.000 € á dotación orzamentaria inicialmente asinada para a concesión de axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Esta ampliación súmase aos 1.680.000 € xa consignados no orzamento para estas axudas a principios de ano. O seu obxectivo é “garantir ás mulleres vítimas da violencia machista unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibiliten iniciar -ou se é o caso, consolidar- a ruptura dunha situación na que corren perigo”.

Dado o volume de solicitudes presentadas e o esgotamento do crédito inicial, Igualdade decidiu ampliar a partida para atender a este colectivo.

Nos seis primeiros meses do ano concedéronse xa este tipo de axudas a 106 mulleres. As vítimas reciben por un período máximo de 12 mensualidades unha achega que oscila entre os 300 e os 800 €, en función dos seus ingresos, dos seus fillos menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables.

Requisitos das axudas

Os requisitos para optar ás axudas periódicas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

Ademais, tamén se esixe non ter percibido con anterioridade esta axuda ou a axuda de pago único establecida na Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para mulleres que, debido a súa idade, falta de preparación ou circunstancias sociais, teñan dificultades para obter un emprego e pola dita circunstancia non participen nos programas de emprego establecidos para a súa inserción profesional.

También te puede interesar