Vigo al minuto

Os traballadores de ‘Los Telares’, en folga este mércores, día 27

Los Telares, en Príncipe
Los Telares, en Príncipe

As traballadoras de todas as tendas que Los Telares ten en Galicia están chamadas a secundar unha xornada de folga este mércores, 27 de maio, en demanda do pagamento das nóminas que a empresa adebeda ao conxunto do persoal, a ocupación efectiva de traballo e para esixir un plan de viabilidade que garanta a continuidade dos estabelecementos e dos actuais empregos.

Para dar maior visibilidade ao conflito, persoal das diferentes tendas trasladarase até Compostela para realizar unha concentración, ao mediodía, diante do comercio de Los Telares situado na Rúa Doutor Teixeiro, 17.

Segundo informan os representantes dos traballadores, dende hai anos a empresa Julián Rus Cañibano, co nome comercial de Los Telares, vén arrastrando problemas no pago puntual dos salarios e mesmo, nos últimos tres anos, realiza o ingreso das nóminas en dous prazos, un a primeiro de mes e outro cara finais do mes vencido. Porén, nestes momentos ten pendente de pagar ao seu persoal o soldo de abril, así como dúas pagas extraordinarias.

Ademais, as traballadoras están altamente preocupadas polo futuro dos seus empregos, porque dende o pasado mes de decembro a empresa non aprovisiona as tendas de material, polo que non dispoñen de produto para vender os clientes. Deste xeito, as traballadoras están sen actividade e sen ocupación efectiva, producíndose ademais unha baixada considerábel da clientela e que as vendas sexan mínimas.

Pola súa banda, a dirección non achega ningún tipo de información sobre a situación da empresa nin explica os motivos polos que deixou de adquirir material para as tendas (unha falta de aprovisionamento que se dá nos estabelecementos galegos mais tamén nos que posúe no resto do estado).

Los Telares ten 16 tendas en Galicia: 7 en A Coruña, 4  na provincia de Pontevedra (Vigo, Cangas, Vilagarcía e Pontevedra), 3 en Lugo e 2 en Ourense.

También te puede interesar