Comarcas

Ponte Solidario lamenta a actitude do alcalde de Ponteareas e o BNG califica a Solla de “covarde”

Un momento do Pleno, onte
Un momento do Pleno, onte

A Asociación Ponte Solidario, lamenta, nun comunicado, que o alcalde de Ponteareas decidise, sen máis, dar por terminado o Pleno do Concello, este martes e lembra que a suspensión prodúxose cando se falaba sobre un informe de mínimos no eido social.

Ponte Solidario indica que estaba no Pleno “por xustiza social, para que os veciños e veciñas de Ponteareas teñan as necesidades máis básicas cubertas a través da administración pública con principios solidarios e non caritativos”.

A asociación subliña que presentouse unha moción para debater e aprobar no Pleno Municipal, o Informe de Mínimos, “documento que recolle as necesidades básicas que toda persoa debe ter cubertas para unha vida digna”, e para que poida traballarse nese camiño, “propoñemos unha Mesa Social aberta que garanta un traballo permanente e dedicado no eido social, cuns obxectivos marcados”.

Dende o equipo de goberno, “co alcalde Salvador González Solla á cabeza, e dende o grupo ACIP”, opuxéronse co seu voto en contra á creación dunha Mesa Social, mentres que “a oposición e a Asociación Ponte Solidario insistiron para que os grupos PP e ACIP reconsiderarán a súa postura”, tentando votar unha emenda de Ponte Solidario para esa Mesa Social, que “se axustaba ó que o goberno alegaba como necesario para cumprir coa legalidade e poder votar a favor”.

Momento do peche, esta noite, no Concello de Ponteareas
Momento do peche, esta noite, no Concello de Ponteareas

Ponte Solidario sinala que “a oportunidade de debate esgotouse cando Salvador Gónzalez suspendeu abruptamente o Pleno Municipal e rematou co intento de aprobación de proposta algunha, sen máis explicacións que unha mirada cara outro lado”.

Pola súa banda, os concelleiros do BNG, que tamén pasaron a noite no Concello, acusan González Solla de “covarde” e de “carecer de dignidade para exercer a alcaldía de Ponteareas”. O seu voceiro, Xosé Represas, lembra que a suspensión produciuse logo de que o Alcalde se negase a votar conxuntamente todos os apartados da moción de Ponte Solidario como pedía o colectivo e reclamou o portavoz do BNG. “Esta situación provocou un enfrontamento entre o propio alcalde e Represas, quen tachou a Solla de covarde ao levantar o Pleno e impedir chegar a un consenso”.

También te puede interesar