Galicia

A paga dos pensionistas galegos, a máis baixa do Estado

A pensión media situouse en Galicia en febreiro en 743,50 €, o que supón un incremento do 1,9% con respecto ao mesmo mes de 2014, aínda que segue como a segunda cifra máis baixa do Estado, solo por enriba de Extremadura (739,28 €).

Segundo a información feita pública este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, en Galicia existen a 1 de febreiro de 2015 un total de 749.005 pensións, o que representa un 0,8% máis que no mesmo mes do ano anterior.

A pensión media galega (743,50 €) -que comprende as prestacións de xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares)- é 138 € inferior á media estatal, situada en 881,50 €. Con respecto á pensión media máis elevada de España, que rexistra País Vasco (1.090,82 €), a prestación galega é inferior en 347,32 €.

Por provincias, A Coruña é a que rexistra un maior número de pensións, 288.130, e o importe medio máis elevado, 784,14 € ; séguelle Pontevedra, con 232.311 (+1,5%), e un importe medio de 783,50 €(un 1,8% que no mesmo mes do ano anterior). En Lugo compútanse 119.348 pensións (-0,1% menos que no mesmo mes de 2014) e unha contía media de 658,97 € (+1,8%), mentres que en Ourense hai 109.216 pensións (+0,1%), cun importe medio de 643,55 € (+1,7%).

Galicia rexistra en febreiro un total de 464.423 pensións de xubilación, cun importe medio de 841,48 €, de forma que segue rexistrando neste apartado a prestación media máis baixa do Estado. Ségueo de preto Extremadura, cunha contía media de pensión de xubilación de 842,95 €.

 

También te puede interesar