Galicia

40 oficinas de Abanca nas grandes cidades abrirán polas tardes desde o vindeiro luns

Dende este luns, 40 oficinas de Abanca abrirán de 4 e media a 7 menos cuarto da tarde, con todos os servizos a disposición do cliente,  o resto atenderán tamén aos clientes todas as tardes con servizo de cita previa.

Nun comunicado, a entidade financeira destaca que reforza así o servizo de atención que ofrece aos seus clientes polas tardes, ao adaptar o horario das súas oficinas ás demandas dos usuarios.

As 8 oficinas de empresas existentes en Galicia terán un horario diferenciado, ao non pechar ao mediodía de luns a xoves e con atención comercial de 8 da mañá a 7 da tarde, “este novo horario comercial fai posible dispoñer de máis tempo de atención ao cliente polas tardes e ofrecer unha atención máis personalizada, axustando o horario das sucursais ás necesidades dos clientes”, di Abanca.

As 40 oficinas que abrirán ao público mañá e tarde están situadas nas principais cidades e cabeceiras de bisbarra nas que Abanca ten sucursal. En concreto, 26 atópanse en Galicia e 14 fóra. O horario de atención aos clientes destas sucursais será de 8 e cuarto da mañá a 2 e cuarto da tarde, de luns a venres e de 4 e media a 7 menos cuarto da tarde, de luns a xoves.

 

También te puede interesar