Comarcas

Redondela recupera o seu pasado no novo Arquivo Audiovisual

A Concellería de Cultura presenta este xoves 8 de xaneiro, o Arquivo Audiovisual de Redondela.Este proxecto de creación dun arquivo que recompile, conserve e difunda a memoria e a historia de Redondela materialízase a través da creación dunha páxina web e da posibilidade de que a veciñanza use un servizo que mostrará o material do pasado fotográfico redondelán, carteis, documentos e produtos audiovisuais, maiormente en mans privadas, que estaba en perigo de desaparición e que agora se recolle e difunde.

Os obxectivos fundamentais deste Arquivo Audiovisual son conservar fotografías, vídeos e outros documentos para preservalos do paso do tempo mediante a dixitalización dos mesmos, e evitar así a súa perda, e difundir as imaxes dixitalizadas mediante unha páxina web propia,  http://www.arquivoaudiovisualderedondela.com/, onde se colgarán todas as imaxes en baixa resolución.

Para levar adiante este proxecto “é imprescindible a colaboración da veciñanza que teña no seu poder fotografías, vídeos ou outros documentos do pasado de Redondela”, todas as persoas interesadas poderán pórse en contacto co Arquivo Audiovisual no enderezo sinalado ou chamando ao teléfono 986 400 300 do Concello de Redondela.

As imaxes cedidas temporalmente serán dixitalizadas e devoltas no mesmo estado no que foron prestadas, e xunto con elas facilitarase, de xeito gratuíto, unha copia dixital en alta resolución. Ademais necesítase tamén a colaboración da veciñanza á hora de identificar as persoas e os sitios que aparecen nas fotos.

Para poder contactar co Arquivo Audiovisual o Concello ven de habilitar un local nos baixos da casa situada na rúa Reveriano Soutullo, número 1, e un enderezo de correo electrónico ao que poder dirixirse [email protected],  para que calquera persoa que o desexe poida examinar, en persoa ou telematicamente, as fotografías, vídeos ou documentos, en alta resolución, ou facer calquera tipo de consulta relacionada co Arquivo Audiovisual Municipal.

 

También te puede interesar