Vigo al minuto

O bispo de Tui-Vigo suprime a ‘secta’ dos miguelianos de Oia

O bispo Luis Quinteiro/Tresyuno Comunicación

O bispo de Tui-Vigo asinou este luns un decreto de supresión da Orde e Mandato de San Miguel Arcángel, logo de que o seu líder e fundador, Feliciano Miguel Rosendo da Silva, fose enviado a prisión provisional e sen fianza, imputado por asociación ilícita e abusos sexuais.

Luis Quinteiro sinala que na actualidade esta organización contaba con 26 membros baixo a responsabilidade “directa e inmediata” dun comisario, tras a expulsión do seu fundador por parte das autoridades eclesiásticas. O bispo aduce como motivo da supresión de Orde e Mandato o “grave escándalo causado ultimamente por algúns membros que se deron de baixa”.

O bispo manifesta o seu “fondo pesar polo grave escándalo que ultimamente membros desta asociación, que se deron de baixa a raíz do nomeamento do comisario, causaron non só nesta Diocese, en que exerceron a súa actividade, senón en toda España, con grande repercusión mediática”.

Quinteiro, logo de lembrar que a secta desenvolveu as súas actividades como asociación privada de fieis dende 2003 e como asociación pública de dereito diocesano dende 2009, subliña que, por esta “causa grave” decretou a supresión da mesma.

 

También te puede interesar