Dous anos dende que a flota cefalopodeira galega foi expulsada de Mauritania

A Confederación Intersindical Galega (CIG), reclamou este venres  “que non se firme un novo acordo pesqueiro con Mauritania se non contempla a flota galega do polbo”, ao tempo que demandou a axilización e actualización dos acordos pesqueiros en vigor con Guinea Bissau, Senegal e Marrocos “e que se arranxe a situación con Guinea Conakri”.

Dous anos despois da expulsión da flota cefalopodeira galega de augas mauritanas, a CIG entende que estes caladoiros alternativos, sumados aos do Sáhara e Mauritania, “serían unha boa saída para os nosos barcos, permitindo unha pesca sustentábel e de futuro para o noso país”.

A central lembra que dos 24 barcos que faenaban ao polbo en Mauritania 10 foron despezados, 1 vendido e o resto botaron moitos meses amarrados antes de buscar novos caladoiros: 4 deles traballan en Angola con licenzas privadas, 2 nas Malvinas tamén con licenza privada, 5 estiveron en augas de varios países africanos -entre eles Gambia- e 2 seguen amarrados en Marín e Vigo.

Neste liña, denunciou que a flota galega tivo que abandonar o caladoiro de Guinea Conakri “por ordes de Madrid despois de que a UE o declarara ‘país que non persegue a pesca ilegal’, pero vemos que outras flotas como a chinesa continúan a pescar alí e a vender no mercado comunitario como pesca doutros países”.

En canto a Guinea Bissau, a central nacionalista subliña que despois de producirse un golpe de estado a UE ordenou abandonar o caladoiro. “A pesar de que houbo eleccións democráticas estase á espera de que a burocracia española e europea fagan valer o acordo europeo en vigor e permitan o regreso dos barcos galegos”. Con Senegal tamén existe un acordo recente, mais aínda non foi desenvolvido. E finalmente Gambia, que se trata dun país cunha costa moi pequena e cun caladoiro en pésimas condicións.

A respecto do acordo pesqueiro con Marrocos, a CIG-Mar cree que é a “historia dun engano permanente”, posto que foi asinado hai máis dun ano pero “como xa advertimos no seu día a súa entrada e vigor estaba condicionada á firma do tratado agrícola entre a UE e o país africano”. Pois ben, unha vez asinado o acordo agrícola o protocolo de pesca segue inactivo pois Marrocos anunciou que non dará as licenzas até que non se celebre a comisión mixta prevista para setembro “a pesar de que a empresas xa pagaron máis de 22.000 € de media”.

No caso do protocolo mauritano a CIG indica que na actualidade está vixente unha parada biolóxica temporal das flotas cefalopodeiras que faenan na zona (a local e a chinesa) a causa da sobrepesca, “xa que teñen os frigoríficos cheos con máis de 6000 toneladas que agora Xapón non quere mercar”, esta cantidade é o “equivalente a todo o que pescaba a flota galega ao completo, o que demostra que hai sobrepesca en Mauritania e que a UE e o Estado español nin negocian nin lles interesa a nosa flota”. Neste senso, lembra que o sector galego reclamaba precisamente poder pescar os excedentes.

 

También te puede interesar