Sucesos

Un morto e 106 feridos nas estradas galegas na Semana Santa

O 061 asistiu a 106 persoas debido a 70 accidentes de tráfico rexistrados nas estradas galegas durante a Semana Santa. A Central de Coordinación do 061 recibiu, entre as 3 da tarde do mércores, 16 de abril, e as 12 da noite deste domingo, 81 chamadas en relación con sinistros de circulación. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o sábado, con 17 accidentes.

Os recursos sanitarios mobilizados ascenderon a 105. Así, as ambulancias medicalizadas realizaron sete saídas; as asistenciais, 76; e as convencionais, cinco; mentres que o helicóptero medicalizado atendeu unha incidencia e os médicos de Atención Primaria prestaron asistencia en 16 ocasións.

En 95 casos os feridos foron levados aos centros hospitalarios correspondentes, dez persoas recibiron asistencia no lugar do sinistro e unha persoa faleceu no punto do accidente.

A proporción de homes atendida ascendeu ao 61 % e a de mulleres reduciuse ao 39 %. En canto ás idades dos feridos, un 45 % dos asistidos tiña entre os 20 e 39 anos.

A Coruña, con 29 sinistros, foi a provincia que rexistrou máis accidentes durante os desprazamentos da festividade de Semana Santa; seguida de Pontevedra, con 23; Lugo, con 11; e Ourense, con sete.

 

También te puede interesar