Vigo al minuto

A actuación policial na manifestación anti-Lomce do 20 de novembro respondeu “as provocacións e empurróns” aos axentes

O Goberno xustificou a actuación da Policía durante a manifestación contra a Lomce que tivo lugar en Vigo o pasado 20 de novembro -que acabou con varios estudantes e axentes feridos, e 6 detidos polas “provocacións e empurróns” dalgúns dos participantes na protesta, que chegaron a lanzar obxectos aos membros das Forzas de Seguridade.

Así o indica o Goberno en resposta a unha pregunta feita pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, sobre o número de efectivos, o uso de material antidisturbios ou as consecuencias da súa actuación. Na súa pregunta, a parlamentaria nacionalista refírese a esa actuación dos axentes como unha “desproporcionada carga policial contra estudantes”.

Segundo sinalaba Fernández Davila, nesa protesta houbo “un grande despregamento policial malia que se trataba dun acto reivindicativo pacífico, e os estudantes foron obxecto dunha brutal e desproporcionada carga policial, posto que a Policía Nacional disparou mesmo pelotas de goma”.

Así mesmo, o BNG indicaba que moitos pais denunciaron que os seus fillos recibiron porrazos, e varios resultaron con feridas, que tiveron que ser revisadas en distintos servizos médicos da cidade.

Segundo a voceira nacionalista, esta actuación e o grande número de axentes nas protestas parece “unha práctica establecida, polo que o Ministerio debería reflexionar acerca deste modo de proceder, que vulnera dereitos fundamentais da cidadanía”.

Na súa resposta, o Goberno sinala que o dispositivo policial nesa ocasión estivo formado por 45 funcionarios da Unidade de Intervención Policial (UIP). Tamén indicou que, ao inicio da protesta en Ás Travesas, o número de participantes era dunhas 350 persoas, que aumentaron a unhas 600 ao chegar á Praza de España.

 

También te puede interesar