Galicia

Os mariñeiros xa teñen resposta da Xunta: a situación da flota do cerco é culpa “da pésima xestión do PSOE”

O presidente Feijóo/Tresyuno Comunicación

Eso asegurou, este mércores no Parlamento, o presidente da Xunta. Feijóo afirmou que os problemas que vive o sector do cerco galego débense á “pésima xestión do PSOE” en Madrid durante oito anos e esgrimiu que os mariñeiros, aos cales reiterou a vontade de diálogo do goberno galego para alcanzar “un acordo”, ven a cota diminuída para “pagar as multas” impostas cando José Luis Rodríguez Zapatero estaba á fronte do Executivo central.

Tras os disturbios rexistrados na pasada xornada ás portas do Pazo do Hórreo e nas rúas da capital galega, o presidente remarcou que os mariñeiros do cerco poden este ano “pescar máis que o anterior”, sublimando que non é suficiente por xa que, dixo, están pagando os efectos dunha sanción que “lle detrae anualmente a Comisión Europea dun 30 % da capacidade de pesca”.

Fronte ás  acusacións do socialista José Luis Méndez Romeu, que lle instou a demostrar canto “manda” en Madrid, Feijóo apuntou que todo iso é consecuencia dos expedientes iniciados durante o último mandato socialista e se mostrou convencido de que “a maioría da xente do mar” confía no seu Goberno porque sabe que parte dos problemas do sector están vinculados “coa pésima xestión do PSOE”.

Así as cousas, Feijóo lamentou que “un representante do PSOE, secretario de Estado dese Goberno” acuda ao Parlamento a dar “leccións” de pesca e sentenciou que é “falso” que a Xunta “asinase” o acordo selado en Madrid. “Fixérono os representantes do cerco e algún dos que asinaron estaba onte na asemblea en contra”, esgrimiu.

En calquera caso, tras resaltar que a xarda incrementou a cota de captura nun 13,5 % -máis de 229 toneladas – e que ao xurelo lle correspondeu o 44 % do total de repartición de toda a capacidade instalada no Estado, garantiu que a Consellería do Mar segue disposta a dialogar para chegar a un acordo.

 

También te puede interesar