Galicia

Amplíase a consulta telefónica a todos os profesionais de Atención Primaria a partir deste luns

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) amplía, a partir deste luns, día 10, a consulta telefónica a todos os profesionais de Atención Primaria -pediatría, matronas, enfermería, traballo social -. Esta modalidade non presencial xa está en marcha para as consultas dos médicos de cabeceira e, segundo indica o Sergas, favorece a accesibilidade dos cidadáns ante un proceso novo, como un problema de saúde, xestión de receitas ou informes, diminúe os tempos de espera; evita desprazamentos innecesarios e favorece a conciliación familiar e laboral.

Ademais, subliña Sanidade, “permite axilizar as consultas de atención primaria, conservando a mesma capacidade de resposta na asistencia e diminuíndo as interrupcións da consulta por chamadas non programadas dos pacientes”.

Esta modalidade de consulta púxose en marcha o 2 de decembro do pasado ano para os médicos de familia en todos os centros do Servizo Galego de Saúde. Dende entón realizáronse 116.000 consultas telefónicas, o que supón o 5,5% do total.

A consulta telefónica consiste en ofrecer a posibilidade, a elección do paciente, de realizar a atención sanitaria por medio do teléfono a quen solicite unha consulta. Se o paciente elixe esta modalidade de atención solicítaselle un número de teléfono onde quere recibir a consulta. Deste xeito, o médico ponse en contacto co paciente no número indicado para atendelo, deixando rexistrados os datos na historia clínica electrónica.

Se o facultativo o considera axeitado, poderá realizar a correspondente prescrición a través da receita electrónica, o que permite acudir directamente á farmacia a recoller os medicamentos. Doutra banda, “se o médico considera durante a atención telefónica que o motivo da consulta non pode ser resolto por teléfono, proporcionáselle ao paciente de xeito inmediato unha cita para atención presencial”.

 

También te puede interesar