Vigo al minuto

Este mércores sentirás a chamada do ‘agroglamour’

O Festival de Cans comeza este mércores unha nova edición, que se desenvolverá ata o sábado e servirá para celebrar o décimo aniversario do certame de curtos que fai que a parroquia de Porriño eclipse ao Cans francés.

En total, 21 curtos competirán en concurso, dos cales 14 serán de ficción e 7 de animación. As pezas da sección oficial proxectaranse durante a tarde do sábado 25, se ben pola mañá haberá un pase adicional, co fin de que unha maior cantidade de persoas poida ver os filmes. Ademais, fóra da competición, haberá proxeccións de traballos audiovisuais.

Coma en anos anteriores, varios directores acudirán á cita para participar en coloquios. Entre outros, Juanma Bajo Ulloa, Manuel Fernández-Valdés, Fernando Cortizo e Alfonso Zarauza. Baixo Ulloa terá unha estrela no ‘Torreiro’ de Cans, un recoñecemento que tamén se dará este ano a Manuel Manquiña –a quen se lle fará entrega de Premio de Honra Pedigree 2013– e a Xavier Villaverde.

Esta edición do festival, que terá a Bretaña como país invitado, incluirá novas seccións, estreas de longametraxes, secuencias inéditas e traballos en produción, e homenaxes ao compositor Rogelio Groba e ao 20 aniversario da rodaxe de ‘A matanza caníbal dous garrulos lixérsicos’. Tamén haberá actividades organizadas directamente polos veciños de Cans, os cales teñen un importante papel neste evento.

No apartado musical, o décimo aniversario do Festival de Cans incluirá máis de 20 actuacións de variados estilos, como o rock, pop, folk, música lixeira ou charanga. Entre outros, participarán El Gran Wyoming e Os Insolventes, Tony Lomba e Elio dos Santos, Víctor Coyote, Silvia Superstar, Jorge Ilegal, Charly de Los Suaves, Cristina Pato, Fon Román, Óscar Avendaño e Radio Cos.

A apertura oficial, co desplegamento da alfombre vermella, será este mércores ás 9 da noite, coa presentación da revista ‘CanZine’, o xurado dos veciños e proxectará a peza ’10 anos do festival de Cans’ e un avance do ‘making of’ de Cans 2012. Tras estas actividades, comezarán as actuacións musicais de Os Chavellos, Ás Pandereteiras de Cans e Os Lajaretas.

 

También te puede interesar