Galicia

O día 20 deste mes empezan os cursos para coidadores non profesionais de personas con dependencia

A Secretaría Xeral de Política Social organizará 36 cursos de formación para coidadores non profesionais de persoas con dependencia ao longo deste ano, dos que poderán beneficiarse preto de 900 persoas. En concreto, haberá 12 na Coruña, 7 en Lugo, 8  en Ourense e 9 en Pontevedra, e comezarán o 20 de maio.

Os cursos, financiados no marco do proxecto europeo Envellecemento+Activo do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza (POCTEP), estruturaranse en catro eixos: coidados no contorno familiar (características do coidado ou pautas para promover a autonomía); pauta para prestar coidados, tales como a hixiene persoal, a mobilidade, a alimentación ou o vestido, entre outros; a saúde da persoa coidadora (identificar o malestar, buscar o benestar, aprender a resolver problemas e autoestima) e o apoio social nas situacións de dependencia (dereitos e deberes, servizos e prestacións do sistema para a autonomía, coñecer e previr a neglixencia ou a protección legal da persoa en situación de dependencia).

Esta iniciativa enmárcase no programa ‘Xuntos nos Coidados’ que contribúe á mellora da calidade destes coidados e da prestación de servizos de promoción de autonomía. Este ano inclúe como novidade un módulo de teleformación co obxecto de facilitar a continuidade dos coidados ás persoas en situación de dependencia.

Benestar desenvolve estes cursos desde o ano 2010 e seguirá a impulsalos ao longo do 2013. Ademais destes 900 beneficiarios, poranse en marcha 7 novas accións formativas piloto dirixidas a coidadores de persoas con enfermidades crónicas, nas que participarán 175 alumnos; 17 cursos destinados a coidadores de persoas con demencia nunha modalidade de teleformación, nos que se formarán 375 alumnos; e 15 cursos destinados a coidadores de persoas con demencia no módulo de formación tradicional, nos que se formarán 375 alumnos.

Deste xeito, a finais de 2013 completarase a formación de preto de 1.700 coidadores con 75 accións formativas, aos que hai que engadir os  preto de 7.000 xa formados en anos anteriores, o que supón un total de preto de 8.700 persoas.

Estas medidas de formación non formal veñen acompañadas doutras actuacións de apoio aos coidadores non profesionais de persoas en situación de dependencia. En colaboración con Sanidade estase a prestar un servizo de atención telefónica continuo para este colectivo de coidadores.  O teléfono 902 400 116 ten como finalidade prestar información e solucións ás situacións sanitarias non urxentes; información sobre coidados asistenciais; sobre as características das probas médicas; sobre prevención e hábitos saudables; sobre centros e servizos sanitarios; e, por último, prestar apoio psicolóxico.

 

También te puede interesar