Este domingo mellora o tempo que o martes xa será primaveral

Galicia continuará durante o domingo baixo a influencia dunha borrasca centrada ao sur das Illas Británicas que comezará a moverse cara ao sur. Deste xeito, o día presentará intervalos nubosos con chubascos, aínda que menos frecuentes que en xornadas anteriores, principalmente na metade Este, en todo tenderán a remitir pola noite.

Segundo as previsións de MeteoGalicia, a cota de neve moverase entre os 1.000 e os 1.200 metros e as temperaturas mínimas non cambiarán ou descenderán lixeiramente, mentres que as máximas ascenderán, aínda que se manterán en valores baixos para esta época do ano.

Por cidades, os termómetros poderán alcanzar os 16 grados en Ourense e as mínimas rexistraranse en Lugo ou Santiago, con 5 grados,Pontevedra, Santiago A Coruña e Vigo, rexistrarán unha máxima de 15º.

Durante o luns a borrasca comezará a moverse cara ó sur preto do litoral atlántico debilitándose. Isto fará que os ceos continúen con intervalos anubrados e con chuvascos xeneralizados durante o día, que tenderán a remitir pola noite cando se abrirán claros no oeste. As temperaturas ascenderán, de xeito máis pronunciado nas máximas que comezarán a acadar valores máis preto dos valores normais para a época do ano.

Por fin, o martes Galicia comezará a quedar baixo influencia anticiclónica aínda que cara a noite unha fronte moi feble achegarase ó litoral norte. Deste xeito pola mañá predominarán os ceos alternando nubes e claros, con predominio dos claros na metade sur e con algunhas néboas no interior; xa pola tarde producirase un incremento progresivo das nubes, máis significativo no litoral norte, onde pola noite haberá algunhas precipitacións febles. As temperaturas ascenderán, de xeito máis pronunciado as máximas que superarán os 20º C nalgunhas localidades do sur.

 

También te puede interesar