Comarcas

Nace ‘Movemento Salceda” co alcalde á cabeza

“Tras unha longa reflexión”, 22 dos 23 candidatos do BNG, entre eles o alcalde, Marcos Besada e os seus 5 concelleiros do equipo de goberno, xunto co 90% dos simpatizantes e militantes  desta formación, aprobaron a creación dun novo proxecto político, Movemento Salceda.

Segundo subliñan nunha nota de prensa, o seu obxectivo son cada un dos veciños e veciñas do municipio e “seguir a levar a cabo o proxecto de transformación de Salceda que iniciamos no 2007 xunto co PSdeG-PSOE e que está plenamente vixente. A vontade da maioría dos salcedenses refrendou este proxecto no 2011. Polo tanto nós cumpriremos co noso cometido”.

Como subliñan os seus integrantes, “en momentos difíciles debemos impulsar respostas colectivas na defensa do ben común, na defensa de todo aquilo que levou moito tempo conquistar e que agora o PP quere roubarnos en pouco tempo”. A nova formación ten craro que “o importante son as persoas” polo cal invitan a toda a veciñanza de Salceda a achegarse a coñecer “Movemento Salceda”.

Esta formación subliña que o peso dos “aparatos de dirección” dentro das forzas políticas fai que “as dinámicas teñan sentido dentro delas, pero están moi lonxe das necesidades e problemas reais das persoas”, polo cal queren implementar  novas maneiras na política, “dinámicas de abaixo a arriba, dende os veciños e veciñas ata os responsables públicos, asemblearias, transversais, participativas, imaxinativas e comprometidas cos valores da esquerda plural e da nosa identidade como galegas e galegos”.

 

También te puede interesar