Galicia

Detidas xa 32 personas responsables de incendios forestais en Galicia

A Policía Autonómica da Xefatura Territorial de Santiago  vén de informar da detención dun veciño de Outes como autor de 6 incendios forestais intencionados no mesmo concello, que afectaron a máis de 11.000 metros cadrados de monte arborado.

Os lumes que se lle imputan tiveron lugar os pasados días 25 e 27 de abril no lugar da Corga, no concello de Outes. Todos os lumes compartían similitudes, xa que se iniciaban de noite, en intervalos de tempo próximos e moi cerca uns de outros chegándose incluso a solapar un lume con outro, ademais os axentes observaron nas súas investigacións que para iniciar o incendio aplicábase directamente o lume. Axentes forestais do distrito IV Barbanza colaboraron ca policía autonómica.

Tras as labores de investigación levadas a cabo polos axentes identificouse ao autor dos lumes, o cal recoñeceu a autoría dos mesmos na súa declaración. O detido foi posto a disposición da autoridade competente, sendo remitidas as dilixencias ao Xulgado de Instrución de Garda de Muros.

O pasado día 25 de abril, axente do equipo de investigación de incendios da Policía Autonómica procederon á detención dun veciño de Rodeiro, na provincia de Pontevedra como autor dun incendio forestal intencionado no lugar de Pobanzas, na parroquia de San Paio de Senra, no mesmo concello de Rodeiro.

O lume afectou a 20.000 metros cadrados de monte arborado e 76.200 metros cadrados de monte raso. A orixe do incendio foi un escape de queima da cal non tiña a pertinente autorización da consellería do Medio Rural e do Mar, e na que non se tomaron as medidas de seguridade preceptivas véndose favorecido o lume polas condicións metereolóxicas dominantes da zona. Colaboraron ca policía autonómica os axentes forestais do distrito XI Deza-Tabeirós. Polos feitos instruíronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución numero 2 de Lalín.

Por outra banda, axentes da mesma Xefatura de Santiago imputaron a unha veciña de Santa Comba como autora dun incendio forestal na parroquia de Xallas de Castriz, no concello de Santa Comba. O lume produciuse o pasado 26 de abril afectando a unha superficie de 1.000 metros cadrados de monte raso, e foi producido polo escape dunha queima na que non se tomaron as medidas de seguridade preceptivas, véndose favorecido o lume polas favorables condicións metereolóxicas da zona.Polos feitos instruíronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Negreira.

No que vai de ano, son 32 as persoas detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais.

 

También te puede interesar