Galicia

Chega Xuventude Galicia Net

A décimo cuarta edición do Xuventude Galicia Net combinará este ano unha zona intranet, que disporá dunha conexión ininterrompida a internet de 1 gigabit de ancho de banda, cun amplo abano de actividades abertas ao público en xeral –extranet- e con actividades formativas e motivadoras impartidas por poñentes destacados.

A party informática celebrarase este ano os días 10, 11 e 12 de maio no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. Trátase dun encontro multidisciplinar que aborda a tecnoloxía desde practicamente todos os puntos de vista.

Este ano, como nas últimas edicións, continuarase apostando pola formación a través de talleres, charlas e conferencias. O evento contará coa presenza de poñentes especializados nos distintos sectores, que compartirán os seus coñecementos e experiencias.

Destacan, entre outros, o xogador de baloncesto Fernando Romay, que falará sobre o traballo en equipo orientado cara á motivación e o emprendemento; ou o mozo emprendedor Pau García-Milá, empresario que fundou aos 17 anos “EyeOs”, compañía que foi parte dos inicios do Cloud Computing e da comunidade social “Bananity”.

Ao Xuventude Galicia Net tamén acudirá Bernardo Reynolds, product manager en Tuenti, que relatará a experiencia desta rede social e como crear unha empresa de éxito de base tecnolóxica en España.

Ademais, tamén se abordarán nas distintas charlas outros asuntos como a telefonía móbil ou as apps para estes dispositivos; ou sobre experiencias de incubadoras de empresas de internet e base tecnolóxica.

No que respecta á zona da intranet, que é a que precisa de inscrición previa, nela participarán un total de 1.000 persoas, que terán acceso ao servizo de conexión a internet durante os tres días e a proxección de contido multimedia.

Ademais, os participantes desta área contarán con distintas actividades. Entre elas, destacan os torneos de videoxogos. En concreto, realizaranse competicións do “Future Tournament”, a liga amateur de e-sports que se realiza en toda España. As competicións oficiais serán : League of Legends, Trackmania, Nations Forever, Shootmania Storm, FIFA 2013 ou Super Street Fighter IV. Adicionalmente, tamén haberá torneos de Quake III, Counter Strike 1.6, Minecraf ou Tekken 6.

Os usuarios da intranet terán a oportunidade de tomar parte no torneo nacional e no obradoiro de modding – técnica de modificar estética ou funcionalmente partes das computadoras e os compoñentes dos videoxogos -, así como no taller de overclocking, no que se explicará como sacar máis rendemento aos ordenadores.

Zona extranet

Pola súa banda, a zona extranet estará aberta a todo aquel que queira achegarse e por ela está previsto que pasen miles de persoas. Os interesados poderán atopar desde experiencias de “ciencia divertida”, a circuítos de maquillaxe e caracterización.

Estará dispoñible, ademais, un torneo e taller de miniaturas de Warhammer, e torneos dos xogos de cartas Magic ou Yu Gi Oh (o máis vendido de todos os tempos). A música tamén terá o seu espazo a través de demostracións de beatbox ou turnttablish.

Na extranet haberá un taller e exhibición de breakdance, e de artes marciais históricas, así como un curso de defensa persoal impartido por mestres titulados da Federación Española de Hapkido. Poderá visitarse unha exposición de consolas e ordenadores clásicos, e un Play Station 3 Center, que incluirá xogo libre e torneos. Isto sen esquecer outras actividades como o scalextrix, futbolín, conecta 4 xigante ou xogos tradicionais.

Nos exteriores do Palacio de Congresos estará instalado un campo de paintball, rocódromo, zurbing e tirolina. Haberá tamén unha exhibición de graffiti.

 

También te puede interesar