Comarcas

Antonio Botana, do restaurante Pandemonium, cociñando no mercado de abastos de Redondela

O restaurador Antonio Botana, do prestixioso restaurante Pandemonium de Cambados, levará a súa arte culinaria ao mercado de abastos de Redondela o vindeiro martes, 7 de maio, no marco do programa ‘Showcooking Cociña de Mercado’, co que a Deputación de Pontevedra pretende dinamizar os mercados municipais e recuperar o seu valor como centro de referencia para a compra de produtos frescos de calidade.

No acto os clientes do mercado de abastos poderán comprobar en directo como traballa cos produtos frescos o popular restaurador, así como coñecer de primeira man a importancia dos produtos frescos para a elaboración de exquisitas receitas. Neste caso o produto estrela será o choco, produto de excelencia en Redondela, o que sirva de ingrediente principal á receita deste restaurador.

Ademais deste showcooking, o acto, que dará comezo ás 12,  servirá tamén  presentar os novos contidos do Tótem Interactivo instalado pola Deputación de Pontevedra no Mercado Municipal de Redondela, no que se ofrece información turística do concello, datos e información sobre os servizos que ofrece o mercado e, sobre todo, receitas de cociña que os clientes poden imprimir directamente e levar patra a casa no momento de facer a compra na praza.

Algunhas destas receitas son o froito dun concurso levado a cabo pola Deputación Provincial e a Dirección Xeral de Comercio entre os vendedores e vendedoras dos mercados de abastos, mentres que outras son as achegadas polos prestixiosos cociñeiros que conforman o coñecido como Grupo Nove.

Modernizarse e atraer clientes

O obxectivo deste programa, integrado no proxecto Rías Baixas, Territorio Gastronómico, é contribuír a modernizar os mercados de abastos, axudarlles a captar novos clientes e dotalos de atractivos para que a xente nova vexa nestes centros un lugar idóneo para a adquisición de produtos frescos.

 

También te puede interesar