Galicia

Francia, logo de equivocarse, levanta a prohibición de vender mexilón galego no seu territorio

Francia levantou a prohibición de comercializar mexillón procedente de Galicia, despois da alerta sanitaria que inicialmente atribuíu a mexillóns galegos en mal estado. O pasado 12 de abril, o Goberno francés ordenou a retirada do mercado das partidas de mexillón procedente de Galicia despois de rexistrar varios casos de intoxicacións con síntomas de gastroenterite. Os ministerios franceses de Agricultura e Sanidade requiriron os consumidores desfacerse do produto ante a posibilidade de que tivese presenza de biotoxinas.

Estes feitos coincidiron co momento álxido da marea vermella nas rías galegas, que, por aquelas datas, mantiña pechado case o cen por cento dos polígonos de bateas de cultivo de mexillón, polo que non estaba permitida a extracción.

Dende un primeiro momento, a Consellería de Medio Rural e do Mar defendeu os estritos controis de calidade das augas realizados en Galicia e, a través da axencia española de seguridade alimentaria (Aesan) e da rede comunitaria de alertas sanitarias, comprobou que as liñas de investigación remitían a partidas de produtos depuradas en instalacións situadas fóra da comunidade.

En concreto, unha das liñas referíase a unha depuradora situada en Girona e outra a varias instalacións de depuración francesas. Esta hipótese viuse reforzada cando Francia rectificou e, en lugar de ás biotoxinas, achacou a axentes patóxenos a causa das intoxicacións.

 

También te puede interesar