Deportes

Bronce para o trío feminico do Tao no Campionato de Europa de Técnica de Taekwondo

Galicia rentabilizou ao máximo a súa presenza no Campionato de Europa de Técnica que se está a celebrar en Alacante, no que participan 321 deportistas de 27 países. O trío sénior feminino, do club Tao, logrou a medalla de bronce, mentres que Gabriel Tembrás (Mo Duk Kwan) foi ouro na nova modalidade de Freestyle.

O trío 1 feminino -formado por Nerea Alamancos Lamas, Isabel Simón Queiro e Alba Castro Asensio (Tao clínica Luís Vilas)¬- logrou a medalla de bronce neste Europeo, amosando o seu magnífico rendemento nun campionato cun altísimo nivel. Tiveron que enfrontarse aos equipos de Gran Bretaña, Alemaña, Italia, Portugal, Holanda, Finlandia, Turquía, Dinamarca e Rusia. As galegas soportaron moi ben a presión, sobre todo tendo en conta que era a primeira vez que competían nun evento desta categoría e que tiñan enfronte a equipos dun nivel espectacular como Alemaña (ouro) ou Turquía (prata). España logrou o bronce empatado con Italia.

Pola súa banda, o galego Gabriel Tembrás logrou a medalla de ouro en Freestyle, unha nova modalidade que introduciu a Federación Mundial este ano por vez primeira e que aínda ten poucos practicantes. A principal innovación do Freestyle é que é unha combinación técnica libre con movementos obrigatorios pero que permite introducir acrobacias.

Agora, e máis despois dos magníficos resultados acadados polos galegos chega o momento de comezar a buscan financiamento para a viaxe dos catro deportistas ao campionato do Mundo, xa que a Federación Española anunciou que non asume ese custe.

A Federación Galega de Taekwondo comezou a dar os primeiros pasos para buscar a colaboración de institucións públicas e privadas para que estes deportistas podan acudir a este evento, xa que acadaron a súa praza no tapiz, co seu gran traballo. Finalmente, para o Campionato de España, a Federación Española asumiu o custe da viaxe do trío, mentres que a Galega tivo que pagar o de Gabriel Tembrás. Para o Mundial de Indonesia hai que atopar financiamento para os catro taekwondistas.

 

También te puede interesar