Sin sección Vigo al minuto

A CIG chama a mobilizarse contra as políticas que están a quitar dereitos e provocar máis pobreza

O secretario xeral da CIG lembrou que este Primeiro de Maio está marcado por unhas dramáticas cifras de desemprego e denunciou que cada vez que se anuncian novas medidas recórtanse máis dereitos, empobrecendo a cada vez máis sectores da sociedade. Para Seixo “o máis preocupante” é que o PP non contempla outras políticas posíbeis e que mesmo prevé que se manteñan estas alarmantes cifras de desemprego nos próximos anos.

Por iso, Suso Seixo, considerou que “o que nos queda como central sindical é seguir petando na conciencia das traballadoras e traballadores porque hai que mobilizarse para provocar a dimisión do goberno, hai que forzar que á fronte das institucións estean forzas políticas que sexan sensíbeis aos intereses da maioría social e non só sensíbeis aos intereses dunha minoría, que é a oligarquía financeira”.

Seixo anunciou que tras do Primeiro de Maio (en Vigo a manifestación sae do cruce da Doblada con Urzáiz ás 11 e media) a CIG continuará coas mobilizacións exixindo a dimisión, non só do goberno central senón tamén do goberno galego. Neste sentido, asegurou que “Galiza, por moito que Feijóo queira convencernos do contrario, non está en mellores condicións que o resto do Estado”. Así entende que o constatan as cifras de desemprego dos últimos meses, tanto as de paro rexistrado como as da EPA, ou a “profundamente alarmante” destrución do tecido industrial e produtivo “que vai ser moi difícil que se recupere nos próximos anos”.

O secretario xeral da CIG lembrou que até o de agora, o único que se conseguiu coas políticas do PP foi que se dificultara o acceso a servizos básicos como sanidade ou ensino; que se recortaran salarios, non só no sector público, senón tamén no sector privado; a perda do carácter universal de certos servizos; o desmantelamento dun dereito fundamental dos traballadores como é o dereito á negociación colectiva; a retirada das axudas ás persoas dependentes ou a redución das prestacións por desemprego, tamén a sectores dos máis necesitados, entre outras.

 

También te puede interesar