Vigo al minuto

Europa, salvavidas das universidades en tempos de crise

Duvi/ Nunha Europa “cada vez máis competitiva”, eurorrexións como a de Galicia e o norte de Portugal non teñen a masa crítica suficiente para “acadar recursos e visibilidade”, é preciso que sexan as macrorrexións as que desenvolvan un papel central. Así o explicou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tras a xuntanza que este xoves mantiveron en Vigo os membros da Conferencia de Reitores de Universidades do Suroeste Europeo, Crusoe, e da Conferencia de Reitores do Noroeste de España, Cruno. Os representantes das 18 universidades e institutos de Galicia, Castela e León e norte de Portugal que conforman a Crusoe acordaron estreitar a súa colaboración e buscar sinerxías para acadar fondos e recursos en Europa.

Durante a reunión aprobáronse os estatutos da Cruno e avanzouse no protocolo para a organización e gobernanza da rede de traballo da Crusoe. Ambos organismos botaron a andar en decembro de 2011 co obxectivo de colaborar para concorrer a programas internacionais de financiamento e para traballar a prol do desenvolvemento das nosas rexións, para vencer á crise, crear emprego e construír un futuro máis prometedor e agradable que o presente”.

O Plan Estratéxico, para decembro de 2012

Salustiano Mato adiantou que no vindeiro mes de decembro estará rematado o Plan Estratéxico que desenvolverá a Crusoe. Este documento servirá para “dotar de contidos no campo da investigación e da sociedade do coñecemento ás universidades e gobernos da macrorrexión Resoe, de maneira que poidamos facilitar as claves para que as nosas rexións poidan deseñar dúas estratexias fundamentais para o seu futuro en Europa”. Estas claves son, por unha banda, a especialización de cada comunidade para asinar un contrato-programa con Europa dentro das iniciativas de Rexións Intelixentes. Por outra banda, analizará as vantaxes das alianzas estratéxicas con outras macrorrexións europeas, un tema de especial relevancia, como explica o reitor vigués, “para acadar mellores resultados, máis retorno e máis liderado na Europa do Horizonte 2020”.

Pero ademais de “alimentar” ese Plan Estratéxico servirá tamén “de paraugas e de impulso” á comunidade científica e investigadora destas 18 universidades e centros politécnicos. Así, neste plan fixaranse as iniciativas conxuntas para presentarse en 2014 ás primeiras convocatorias do programa Horizonte 2020. Prioritarios serán os ámbitos dos Campus de Excelencia Internacional como o mar ou as linguas, así como a automoción, con tres eixos en Vigo, Valladolid e Porto, a nanotecnoloxía ou o envellecemento. Neste sentido, os responsables universitarios destacaron que as preocupacións son comúns, “porque os problemas socioeconómicos son compartidos e similares nesta macrorrexión, por iso é moi útil buscar sinerxías”.

También te puede interesar