Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Moito do peixe que comes percorreu 5.000 quilómetros para chegar ao teu prato

As importacións provocan a emisión de cinco millóns de toneladas de CO2 á atmosfera.
As importacións provocan a emisión de cinco millóns de toneladas de CO2 á atmosfera.

Duvi/ Unha media de 5.000 quilómetros é que o percorren algúns alimentos como o peixe, a froita, a verdura, os legumes e os cereais antes de chegar ao noso prato. Estas inmensas distancias dende os países de orixe non só incrementan o prezo dos produtos, senón que provocan unha fonda pegada ecolóxica a través das emisión de CO2 derivadas do transporte. Este é un dos datos que se recollen no informe Alimentos Kilométricos promovido pola asociación Amigos de la Tierra e elaborado en colaboración coas universidades de Vigo e Sevilla.

O estudo desvela que as importacións de alimentos a España aumentaron un 50% entre 1995 e 2007, pasando de 19 a 29 millóns de toneladas, o que supuxo a emisión de cinco millóns de toneladas de CO2 á atmosfera. Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, explica que este incremento nas cifras de importación de alimentos provoca unha perda de “autosuficiencia alimentaria” e pon en risco o sistema tradicional de agricultura e gandería do país. Dende Amigos de la Tierra denuncian que as importacións seguen aumentando “a pesar da grande ameaza que representa para o cambio climático” e destacan que a agricultura industrial é un dos sectores que máis contribúe ao quentamento global, “aínda que non adoita terse en conta”. Miguel Delgado, catedrático da Universidade de Sevilla destaca que alimentos típicos da dieta española, coma os garavanzos, son xa maioritariamente foráneos, de feito, “o 87% dos que se consomen son importados, principalmente de México, mentres que a superficie dedicada a este cultivo en España diminuíu drasticamente, provocando perdas no emprego e na paisaxe”.

Os cereais, o máis importado

Máis das tres cuartas partes das importacións de España corresponden aos cereais e pensos para animais, sendo tamén produtos moi importados o peixe, a froita, os legumes e as verduras. De media, cada un destes alimentos percorren 5.013 km, fronte aos 4.253 que percorrían en 1995, xa que cada vez os produtores están máis afastados. Pola contra, son os produtos lácteos e os animais vivos “os menos viaxeiros”, cunha media de 1.350 km.

A pesar de que a orixe principal destes alimentos segue sendo Europa, nos últimos anos creceu substancialmente o peso das importacións dende América Central e do Sur, que representan un 29% do total, aumentando especialmente Arxentina e o Brasil. Damián Copena apunta que tamén Portugal deu “un salto importante ao multiplicar por case catro o volume dos alimentos dirixidos ao mercado español”.

Navegando ata o noso fogar

O medio de transporte maioritario no transporte de produtos alimenticios é o barco, mentres que o ferrocarril é o menos empregado, a pesar de ser o que menos impacto ambiental ten, vinte veces menor que o transporte por estrada. Esta é outra das denuncias deste informe, a nefasta elección dos medios, xa que comparando os datos de 1995 e 2007 diminuíu o uso do barco e o tren e aumentaron os medios máis contaminantes, o avión e o transporte por estrada. Con todo, o barco segue representando o 70% e os camións o 29,5%. O informe fai fincapé no avión, xa que é o medio máis contaminante a pesar de ser comparativamente pouco representativo o seu uso. En 2007 supuxo o 0,22% das importacións pero é o causante do 26% das emisións, con 747.000 toneladas de CO2.

También te puede interesar