Cultura

O galego non supera a fenda tecnolóxica

Foto: Duvi.
Foto: Duvi.

Duvi/ O galego adoece do necesario desenvolvemento de tecnoloxías da lingua de calidade. Esta carencia relega ao noso idioma a posicións moi por debaixo de outras linguas europeas no tocante, por exemplo, á investigación e á divulgación científica, eido no que domina o inglés. Esta é a conclusión que se extrae do Libro Branco sobre o galego que vén de facer público a rede pan-europea de excelencia Meta-Net, da que forman parte 44 centros de investigación de 31 países.

Trátase dunha serie de estudos técnicos sobre 30 linguas europeas con cadanseu informe cos que se trata de mostrar como na Europa moderna a tecnoloxía xoga un papel fundamental no apoio ao desenvolvemento do multilingüismo, tanto no uso cotiá como na aprendizaxe de idiomas. Estes documentos amosan a situación social, económica e tecnolóxica destas linguas co fin de promover unha sociedade da información multilingüe.

Un enlace para o galego

O Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, liderado pola catedrática Carmen García Mateo, colabora nesta iniciativa exercendo de enlace para a lingua galega respaldado pola súa ampla experiencia en tecnoloxías da fala, tanto na liña de recoñecemento de fala como en conversión texto-voz, sendo o único grupo que traballa en fala galega nestes ámbitos. Segundo explica a profesora, “o traballo comezou nesta primavera, cando lles encargaron un estudo sobre a situación do galego na sociedade da información”. Para desenvolvelo a elaborar o Libro Branco manexaron información pública do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística e realizaron unha enquisa entre unha serie de expertos na materia como os profesores da Universidade de Vigo Xavier Gómez Guinovart e Eduardo R. Banga, o profesor da USC Xosé Luis Regueira ou José Ramón Pichel, de Imaxin Software.

Demasiadas carencias

O Libro Branco sobre o galego destaca o importante papel que a linguaxe exerce na educación e na integración social pero salienta que o galego, comparado con outras linguas europeas, sofre unha importante falta de recursos tecnolóxicos para acadar ese obxectivo. “Aínda que se está a realizar un grande esforzo en Galicia para fomentar o uso e mellorar a calidade do galego en todas as esferas da vida, o desenvolvemento de tecnoloxías da lingua de calidade para o galego presenta carencias importantes”, como destaca Carmen García Mateo, autora do estudo xunto con Montserrat Arza.

Unha das consecuencias desta falta de recursos tecnolóxicos é o pouco uso da lingua propia no eido da investigación, “a pesar de contamos un centro e grupos de prestixio internacional”. Outro problema é a competencia das linguas maioritarias, “que resultan máis convenientes para facer investigación ben porque se dispón de máis fondos orzamentarios ou ben porque xa hai dispoñibles recursos e tecnoloxías que permitan avanzar máis doadamente no campo da investigación”.

Vítimas da era dixital

Na orixe deste estudo está o feito de que moitas linguas europeas corren o risco de seren “vítimas da era dixital” pola súa escasa presenza e falta de recursos na internet. Os principais provedores de servizos lingüísticos son empresas estadounidenses, grandes corporacións que descoñecen a situación das linguas do continente europeo.

A pesar de que a tecnoloxía lingüística fixo considerables avances nos últimos anos, o ritmo actual do proceso tecnolóxico e da innovación dos produtos é demasiado lento. Os autores do Libro Branco do galego sosteñen que non se pode agardar dez ou vinte anos a que se leven a cabo melloras significantes que poidan fomentar a comunicación e a produtividade no ámbito plurilingüe que é Europa. Falan dun optimismo cauto e, grazas ao apoio dalgúns proxectos de investigación levados a cabo anteriormente, hoxe en día existen en España un panorama de investigación e unha industria da tecnoloxía lingüística emerxentes, que desenvolven produtos e servizos para o idioma galego, pero hoxe en día aínda están lonxe de ofrecer o soporte necesario que precisa unha verdadeira sociedade plurilingüe do coñecemento.

También te puede interesar